Radio Redondela 94.9FM
www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 19 de Agosto de 2018

Os peregrinos do Camiño Portugués a Santiago aumentaron un 15,8% este verán
Sociedade • 9/09/2016
Autor: Ana Prieto

O Camiño portugués a Santiago gaña adeptos ano tras ano. En solitario, en familia, ou con amigos son milleiros as persoas que cada ano pasan por Redondela na peregrinaxe ata Compostela. Nos meses de xuño, xullo e agosto foron 24.976, fronte aos 21.565 do mesmo período do ano pasado.


Algúns deles emprenden a viaxe desde Lisboa ou O Porto, aínda que maioría fano desde a fronteira, coa saída en Valença ou Tui. Desde a localidade tudense partiu Salvador, que pertence a un grupo de 30 persoas dun colectivo madrileño. Xa conta con experiencia noutras rutas xacobeas, pero non do Camiño Portugués, do que lamenta que teña "demasiados tramos por asfalto". Xunto co resto do grupo segue camiño ata Arcade. Outros peregrinos prolonga a etapa ata Pontevedra, pero moitos fan noite en Redondela. É o caso de Marisa, Carla e Jacobo, procedentes de Madrid, Arxentina e Canarias, respectivamente. Coñecéronse no camiño, e os tres tiñan xa a experiencia anterior do Camiño Francés. Coinciden ao afirmar que o portugués está "menos masificado", e salientan a calidade do albergue redondelán da Casa da Torre, un "fermoso" edificio histórico con instalacións "modernas e cómodas". Ao albergue de peregrinos do Xacobeo, na Casa da Torre, sumáronse nos últimos tempos outros establecementos que acollen aos camiñantes. Son albergues ou pensións privadas que amplían a oferta do albergue público, desbordado especialmente nos meses de verán. A última en abrir é a Pensión Rúa do Medio, a disposición dos peregrinos desde finais de agosto. Ana, que rexenta o negocio, explica que se trata dunha oferta diferente para os camiñantes. A pensión conta con habitacións individuais para cubrir unha demanda "que vai en aumento". Un dos establecementos pioneiros como albergue privado é A Casa da Herba, en funcionamento desde a Semana Santa de 2015. Paulo, que rexenta o establecemento, nota ese incremento no número de peregrinos con respecto ao ano pasado. E non só no verán, senón ao longo de todo o ano, con peregrinos que chegan "de todos os continentes procedentes de ata 50 nacionalidades diferentes".


Estatísticas


Nos tres meses de verán se incrementaron os peregrinos no Camiño Portugués con respecto ao pasado ano. Xuño foi o mes que experimentou un maior aumento, ao pasar dos 4.911 peregrinos en 2015 aos 6.908 neste 2016, o que supón un 40% máis. En xullo deste ano rexistráronse 8.081 peregrinos por esta ruta, fronte aos 7.447 de 2015. Agosto foi o mes con maior afluencia, este ano chegaron 9.987 peregrinos, fronte aos 9.207 do pasado exercicio.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: