www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 23 de Outubro de 2018

A maleza invade o Paseo da Portela
Política • 1/09/2016
Autor: M. X. Queimaliños

O PSdeG denuncia o mal estado deste paseo que "está abandonado dende que entrou o PP no Concello". Ademais da maleza alertan do seu estado de deterioro con taboleiros rotos e ausencia de boa parte do alumeado. Un paseo de máis dun quilómetro de lonxitude moi empregado tanto polos que residen na zona como por outros veciños que o empregan como zona de lecer.


O paseo ata A Portela ten unha lonxitude superior a un quilómetro e comunica a zona máis céntrica de Redondela coa Punta Socorro, na Portela. Unha pasarela de madeira que tivo un custe de 752.190 euros, obtidos mediante Fondos Europeos e que actualmente presenta un estado de deterioro moi evidente segundo denuncian os socialista, que engaden que "non se pode entender que un paseo que se fixo en 2010 co visto bo de todos os partidos, estea completamente abandonado polo goberno municipal popular". Explica a voceira socialista Anabel Rey que "os populares continuamente están a destruír mediante deixamento os investimentos pasados como xa ocorreu coa zona recreativa da Moucheira".


Dende o grupo municipal socialista denuncian que o PP de Redondela ten abandonado dende hai anos o mantemento do paseo ocasionando que "as fontes non teñan auga e nin sequera billas, falten máis da metade das luces, haxa taboleiros rotos, maleza que cobre case todo o paseo..." engaden "xa non é que non substitúan nada do que se rompe como os paneis informativos, senón que non realizan un mantemento anual".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: