www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 26 de Maio de 2018

Redondela supera a media en doazóns de sangue
Sociedade • 30/08/2016
Autor: Ana Prieto

Con 43 doazóns por cada mil habitantes, Redondela supera a media da comunidade galega en canto a doazóns de sangue, que se sitúa en 41 por cada milleiro de galegos. Para seguir animando aos veciños a doar o Centro de Transfusión de Galicia despraza ao centro da vila unha unidade móbil que recollerá doazóns hoxe martes e mañá mércores.


Na campaña do pasado ano do Centro de Transfusión de Galicia, integrado agora na Axencia de Doazón de Órganos e Sangue, Redondela foi un exemplo de solidariedade. O municipio alcanzou as 43 doazóns por cada mil habitantes, sensiblemente por encima dunha media galega que queda en 41 doazóns por milleiro de habitantes. Ángeles Pazos, responsable de comunicación do CTG explica que se trata tamén dunha cifra "superior á recomendada" pola Organización Mundial da Saúde (OMS) para cubrir as necesidades de compoñentes sanguíneos nos hospitais, que se estima nunhas 40 doazóns por cada 1000 habitantes. Con todo, e malia os bos datos, é preciso "non baixar a garda", xa que a necesidade de compoñentes sanguíneos é constante durante todo o ano. A época de maior dificultade sitúase entre os meses de xuño a agosto, polo que levan a cabo acciones informativas cos Concellos para tratar de garantir unha adecuada participación que cubra as necesidades dos hospitais. Unha vez máis, o Centro de Transfusión de Galicia pretende impulsar a participación dos veciños na campaña actual Sumar. Doa Sangue. Unha unidade móbil de doazón estará situada hoxe martes e mañá mércores diante do Concello, en horario de 10.00 ás 14.30 horas, e de 16.00 a 21.00.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: