www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 17 de Decembro de 2018

Os comuneiros do Viso denuncian a mala xestión da administración na prevención de incendios
Sociedade • 24/08/2016
Autor: Ana Prieto

Lamentan que por segundo vez en dez anos o monte da parroquia teña ardido, cando boa parte do territorio está xestionado pola propia administración forestal. Denucnian que  aínda non recibiron as axudas para a prevención dos lumes, e esixen "medidas urxentes" para evitar que coas chuvias a erosión e os arrastres aos mananciais provoquen máis problemas.


O secretario da Comunidade de Montes do Viso, Xosé Covelo, resalta "as enormes dificultades" que teñen para xestionar os seus montes. Apunta que os recursos económicos son escasos, e que ademais non chegan a tempo. Cualifica de "ridículo" que as axudas solicitadas para a prevención de incendios a principios de ano aínda non foran resoltas a día de hoxe pola Xunta de Galicia. Entende que se trata dunha "nefasta xestión dos fondos europeos" para esta finalidade, xa que os traballos de prevención deberían facerse "antes da época de alto risco de incendios" e non despois. Ante a falta de recursos moitas Comunidades de Montes, como a do Viso, ceden a xestión de parte do seu territorio á administración forestal para optimizar a situación do monte. Neste caso, o lume destruíu por segundo vez en 10 anos grande parte da masa forestal, polo que falan de "fracaso" na xestión por parte da propia administración. Agora a súa maior preocupación é a situación de risco que se dá por mor da superficie queimada. Covelo advirte que nos vindeiros meses coa chegada das choivas haberá problemas de erosión e arrastres de cinzas que poden producir importantes danos "aos mananciais das parroquias" e á propia ría de Vigo, con prexuízos tanto nos bancos marisqueiros como no medio mariño. Por iso esixen "medidas urxentes" por parte da administración forestal que poidan evitar estes danos colaterais. Crear barreiras coa propia masa forestal queimada ou sementar especies herbáceas poderían ser algunhas das medidas. Con todo, Covelo sinala que deben ser os técnicos e a administración os que deben tomar medidas, pero esixen "celeridade". Por última fan tamén un chamamento á sociedade en xeral para evitar "o encubrimento" de posibles incendiarios. Animan á veciñanza a reaccionar ante estes episodios colaborando na identificación e detención destes "delincuentes" que atentan contra o monte.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: