www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 25 de Xuño de 2018

Os segredos da Vilavella e a "Vilanova" redondelás
Cultura • 22/08/2016
Autor: Ana Prieto

Por que Vilavella se chama así, cantos canastros hai en Redondela, ou cales son as casas vilegas máis salientables da arquitectura local... son algunhas das cousas que os rapaces poden aprender grazas a un obradoiro que organiza o Servizo de Normalización Lingüística e a Concellaría de Cultura. Unha actividade formativa e lúdica que se realizará os días 6, 7 e 8 de setembro.


A actividade está dirixida a rapaces de Educación Primaria, desde os 6 ata os 12 anos. É completamente de balde, pero é necesario reservar praza. A inscrición está aberta ata o próximo 1 de setembro. O obradoiro denomínase "Coñecendo Redondela", e o obxectivo é que os máis pequenos coñezan o patrimonio arquitectónico do municipio, e afonden na súa historia e na microtoponimia. Desde o servizo de Normalización, Eva García Rei salienta que é necesario que os rapaces "coñezan o patrimonio cultural de Redondela para poder valoralo e respectalo". Coñecerán parte da historia da localidade, e curiosidades como a orixe do nome de Vilavella, separada polo río do que se chamaba "vilanova" e que deu orixe despois ao núcleo urbano actual. Os participantes examinarán documentos e planos para descubrir a historia dos viadutos, e farase unha exploración activa e lúdica do Camiño de Santiago. Os obradoiros desenvolveranse os días 6, 7 e 8 de setembro, en horario de mañá con dúas quendas. A primeira de 9.30 a 11.30 horas, e a segunda de 12.00 a 14.00 horas, no multiúsos da Xunqueira. Poden reservar praza no teléfono 986 400 106 ou no enderezo electrónico normalizacion@redondela.es.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: