www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 23 de Maio de 2018

O Entroido de Verán incrementa un 23% o seu orzamento con máis actividades e seguridade
Sociedade • 18/08/2016
Autor: Ana Prieto

A programación infantil complétase con pasarrúas e un espectáculo de animación. Ademais a organización vai duplicar a seguridade nos accesos ao recinto, e nas zonas con máis afluencia de público. Tamén se duplica o número de baños portátiles e a limpeza.


A XIX edidión do Entroido de Verán, que se celebra o sábado día 20, aumenta o seu orzamento ata os 65.000 euros, son 12.500 máis que o ano pasado, cando as contas foron de 52.500 euros. Con todo, o Concello confía en recadar uns 15.000 euros polas achegas das barras instaladas no recinto da festa e nas terrazas dos establecementos, os postos de venda ambulante e os patrocinios, polo que o gasto para as arcas públicas será semellante ao do pasado ano. O evento, que agarda congregar unhas 30.000 persoas en Redondela, presenta este ano un cartel máis amplo e variado. As actividades esténdense a todo o casco urbano da vila e increméntanse as actividades para o público infantil. Aos tradicionais obradoiros de maquillaxe, máscaras e globoflexia, súmase o pasarrúas Hakuna Matata, de Troula Animación, e o espectáculo A Bailar!, da compañía Animar-T, na Praza da Casa da Torre. A oferta da hostalaría tamén se amplía, xa que o Concello permitirá a instalación de barras no exterior dos establecementos da localidade. No Campo da Feira centraranse as actividades para o público xuvenil e adulto, coa actuación da orquestra New York, o DJ redondelán Rodri Vegas e o dúo K-Narias. O grupo La Ricura repite no cartel, logo do éxito do pasado ano. Un dos seus compoñentes, Javier Compota, afirma sentirse "encantado" de volver ao entroido de verán redondelán, un evento "moi especial" para o grupo galego-cubano. A festa complétase coa VI Gala Drag Queen, que este ano reparte 1.800 euros en premios.


Demandas de AER


A concesión dos permisos para os postos ambulantes e as barras para a venta de bebida e comida nas terrazas dos locais, suscitou as críticas da Agrupación de Electores de Redondela. AER denuncia que existe diferentes requisitos para os hostaleiros que son membros da Asociación de Empresarios e os que non o son. A formación tamén demanda ao goberno local información detallada sobre o orzamento do Entroido, os ingresos e os gastos do evento ou as medidas de seguridade para evitar a venda de alcol a menores e que a Alameda se transforme nun "botellódromo".

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: