www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 17 de Novembro de 2018

Pablo Couñago regresa ao fútbol galego da man doutro redondelán, Jacobo Montes
Deporte • 5/08/2016
Autor: Ana Prieto

O xogador, de 36 anos, volve á bisbarra despois de xogar dous anos en Finlandia. Chega desde o PK-35 Vantaa para incorporarse ao Alondras a próxima tempada. A súa estreita relación co técnico do equipo cangués pesou moito na decisión do xogador redondelán.


O ambicioso proxecto do Alondras para a tempada 2016-17 xa ten á súa estrela: o redondelán Pablo Couñago. O ex do Celta regresa a Galicia tras pasar o últimos tres anos en Finlandia. Aos seus 36 anos, o dianteiro regresa a Terceira División, onde xogou media tempada co Choco. Formado na Madroa, o seu maior logro foi gañar o Mundial sub-20 con España en 1999 sendo o máximo goleador do torneo. Couñago procede do PK-35 Vantaa, club que abandonou hai unhas semanas xunto ao resto de xogadores galegos por problemas no vestiario. No equipo finés anotou 17 goles en 34 partidos oficiais, o que demostra aue o veterano futbolista non perdeu o seu olfacto de gol co paso dos anos. En Cangas xogará con Yerai, compañeiro seu en Finlandia e no Choco. Na súa longa traxectoria pasou tamén por equipos como o Numancia, o Real Huelva, o Málaga; o Ipswich Town e Crystal Palace de Inglaterra, o Dong Tam Long AC de Vietnam, o Kitchee de Hong Kong e o Honka Espoo de Finlandia. Decidido a seguir competindo e adestrando "mentres poida", Couñago


explicou que se decidiu motivado porque o Alondras CF é un equipo "importante en Terceira" e que leva unha boa traxectoria. O feito de que o adestrador sexa o amigo da infancia, Jacobo Montes, foi tamén "clave" para tomar a decisión. A familia e o feito de "volver á terra", tamén pesaron para asinar a fichaxe. A próxima temporada terá que xogar contra o Choco, equipo da súa vila natal, con duelos que enfrontan tamén nos bancos de adestramento aos irmáns Jacobo e Marcos Montes. Serán, se dúbida, grandes espectáculos futbolísticos.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: