Radio Redondela 94.9FM
www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 17 de Agosto de 2018

Chapela, capital do rock
Cultura • 3/08/2016
Autor: Ana Prieto

Este sábado o paseo marítimo de Chapela será o escenario do V Berete Rock, que se consolida no panorama musical da comarca como unha cita indispensable. A privilexiada contorna de Arealonga súmase á calidade dos grupos participantes este ano, cunha oferta variada. Aphonnic, Supernatural, All/In e Wondercovers forman o cartel.


Un dos organizadores, Anselmo Prada, da Asociación Berete Rock, sinala que se trata de grupos de diferentes estilos, pero todos de gran calidade. Á dureza de Aphonnic súmanse os temas máis pop/rock de Wondercovers, que versionan temas de grupos que van desde os Beatles ata Prince. Pola súa banda All/In é un grupo tributo a AC/DC, un dos grandes clásicos do rock. Por último Supernatural son os máis novos como formación, malia que o grupo está composto por músicos procedentes de bandas ben coñecidas na bisbarra. Prada amósase moi satisfeito pola evolución deste festival que comezou hai cinco anos. Dunha conversa entre amigos naceu o primeiro concerto, e o evento non deixou de medrar. Salienta que sen o apoio do Concello de Redondela "sería imposible sacar adiante o certame", xa que a entrada ao concerto é de balde. A colaboración de establecementos e comercios da parroquia, xunto coa venda de camisetas e as bebidas no concerto permítenlles seguir adiante co Berete Rock, que se está a converter xa un referente dos concertos de verán no sur da provincia. Malia que a previsión de asistentes é aínda "unha incógnita", a organización agarda ao redor dun milleiro de persoas. A cita comeza ás 21.30 horas.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: