www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 25 de Xuño de 2018

Chapela pide recuperar o tren polo centro da parroquia e construír dous apeadeiros
Política • 29/07/2016
Autor: M. X. Queimaliños

A iniciativa busca que Chapela volva contar con comunicación ferroviaria tanto con Redondela como con Vigo, motivo polo que a Asociación de Veciños solicita unha serie de melloras que pasan necesariamente por construír un apeadeiro na actual liña que discorre pola parte baixa da parroquia e que desemboca na estación de Guixar, así como incrementar o número de frecuencias e abaratar o billete para facelo competitivo co autobús e animar aos veciños a empregar un transporte non contaminante. Con todo, a iniciativa aprobada onte por unanimidade é moito máis ambiciosa e propón tamén que se volva abrir a liña que remata na estación de Urzaiz, colocando novamente as vías "sobre unhas infraestruturas xa feitas e aproveitalas para meter as liñas de proximidade".


A moción, que contou co apoio de todos os grupos políticos logo de que fora trasladada a pleno pola concelleira non adscrita Raquel Quintáns, demanda ao Ministerio de Fomento que se volvan colocar as vías aproveitando a liña que discorría polo centro da parroquia, con chegada na estación de Urzaiz, e que se establezan paradas na liña que remata na estación de Guixar así como a construción dun apeadeiro. Solicita tamén que se incrementen o número de paradas en Chapela, actualmente inexistentes, e que se abarate o prezo do billete coa súa inclusión no bono de transporte metropolitano.


Todos os grupos amosaron o seu apoio a esta proposta aínda que con matices no caso do PP quen nun primeiro momento avogaba por deixar o punto sobre á mesa á espera de que se conforme un novo goberno e o Ministerio de Fomento defina cales son as súas propostas de promoción do tren de proximidade.


Os nacionalistas puñan sobre a mesa unha vez máis os prexuizos que padece Chapela "como parroquia de paso de innumerables infraestruturas sen que os que viven no seu territorio se beneficien delas" en referencia a un tren que carece de paradas nesa poboación.


No mesmo sentido manifestábanse tanto a Agrupación de Electores "é de xustiza que se atenda esta petición" mentres o PSOE criticaba ao alcalde "por non pelexar polo transporte ferroviario" xa que segundo dixo Eduardo Reguera "dende o 2011 cando o PP comezou gobernar, Chapela quedou sen tren e Cesantes pasou de 8 a tan só dúas paradas".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: