Radio Redondela 94.9FM
www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 17 de Agosto de 2018

Talleres de arquitectura e microtoponimia para a rapazada
Cultura • 28/07/2016
Autor: M. X. Queimaliños

O Servizo de Normalización Lingüística e a Concellaría de Cultura abren o prazo de inscrición para participar nunha actividade de divulgación do patrimonio e a microtoponimia. Baixo o título Coñecendo Redondela, vanse celebrar en setembro uns talleres para nenos s e nenos, co obxectivo de divulgar entre a poboación de entre 6 e 12 anos o patrimonio arquitectónico do concello, descubrir a súa historia e afondar no coñecemento do territorio e da lingua a través da microtoponimia. Inscrición no 986 400106.


Analizarase a forma urbana, o modo de vida e o pasado de Redondela, contidos de xeografía física e humana que engloban a paisaxe, o territorio e as infraestruturas.


Aspectos relacionados co asentamento no enclave físico concreto, para ver como a contorna inflúe nos modos de vida e condiciona as construcións, ao tempo que transforma a paisaxe natural. Examinaranse documentos e planos para descubrir a historia dos viadutos, e farase unha exploración activa e lúdica do Camiño de Santiago. En definitiva, un paseo sensorial que analizará a vila, as súas casas singulares, descubrindo as diferenzas tipolóxicas da arquitectura, así como elementos que dan pistas sobre a orixe dos edificios, das familias que os habitaron, o trazado das vías que influíron na configuración de Redondela e as comunicacións co exterior.


Os obradoiros desenvolveranse os días 6, 7 e 8 de setembro, en horario de mañá (de 9:30 a 11:30, e de 12:00 a 14: 00 h), no multiúsos da Xunqueira e en diversas rúas e prazas de Redondela, e están destinados a nenas e nenos de idades comprendidas entre os 6 e os 12 anos.


A actividade é de balde e as prazas son limitadas, polo que cómpre inscrición previa, que se poderá formalizar ata o 1 de setembro no teléfono 986 400 106 ou no correo electrónico normalizacion@redondela.es.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: