www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 22 de Setembro de 2018

Comercio e cultura fúndense nunha noite de actividades de rúa e descontos comerciais
Sociedade • 22/07/2016
Autor: M. X. Queimaliños

Máis de 50 comercios de Redondela participan o vindeiro venres 29 de xullo nunha nova edición da Shopping Nigh, unha tarde noite na que estes locais abrirán as súas portas ata a medianoite e ofrecen os seus clientes descontos, promocións especiais, agasallos e sorteos. Unha iniciativa que se funde coa programación do Festival de Artistas de Rúa organizado polo Concello e que achegará a Redondela un total de once actuacións de humor, maxia e música.

 


Os locais comerciais do Centro Comercial aberto de Redondela celebran o vindeiro venres día 29, coincidindo coa programación do Festival de Artistas de Rúa, unha tarde noite na que os clientes poderán beneficiarse de descontos e promocións especiais. Os máis de medio cento de comercios adheridos a esta campaña permanecerán abertos fora do seu horario habitual, ata a media noite.


Unha iniciativa que busca crear sinerxias e aproveitar a programación cultural do concello para dinamizar outros sectores e que volve incrementar o número de establecementos adheridos  ata un total de 51. Así, coincidindo coa celebración do XVII Festival Internacional de Artistas de Rúa, estes comercios ofrecerán descontos que poderán ser nalgúns casos de ata o 70%. Non só haberá rebaixas especiais xa que durante este horario de apertura extraordinario os comercios amosarán unha decoración especial, contarán con ambientación musical, degustacións e outras moitas sorpresas que se espallarán dende Vilavella ata Santa Mariña. Haberá tamén propostas para os máis pequenos con inchables e talleres de maquillaxe.


Artistas de rúa


Paralelamente, todos os que acheguen nesa xornada a Redondela poderán gozar coa programación que este ano ofrece a XVII edición do Festival Internacional de Artistas de Rúa que arrancará ás 20:00 horas coa actuación itinerantes do Festicultores. Media hora máis tarde a Fonte de Santiago acollerá a actuación de Ymedioteatro ao que seguirá unha hora despois na praza da Igrexa a proposta Sin Remite de Jean Philippe Kikolas. Tamén se inclúe no programa a actuación do grupo Airiños da Peneda ás dez da noite. Pechará a xornada a proposta do Clown Lullaby na praza de Ponteareas.


Unha programación que continuará o sábado, día no que como novidade inclúese tamén un artistas plástico chegado dende o Marisquiño, Antony, quen elaborará ao longo de todo o día un graffiti na praza da Casa da Torre.


As actividades nesa xornada contará con Ibuprofeno Teatro, os magos Paco e Eloy e  Pet & Pat, actuación que se desenvolverán dende as sete e ata as 22:30 horas.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: