www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 26 de Maio de 2018

O Choco comeza a pretempada con sete caras novas
Deporte • 21/07/2016

O conxunto redondelán comezou onte os adestramentos co obxectivo da permanencia e con sete novas incorporacións. Esta será a cuarta tempada consecutiva na Terceira División e a segunda baixo a dirección de Marcos Montes. A primeira oportunidade de ver no terreo de xogo ao novo equipo será este domingo, no campo de Santa Mariña, onde se medirán ao Xuvenil de Ponteareas.


Logo da marcha de sete dos seus xogadores o Choco enfronta esta nova campaña, que comezaba onte, con moitas caras novas. Sete incorporacións que chegan do Rápido de Bouzas, Valadares, Mondaríz, Portonovo e do filial do Celta e que pretenden cubrir os ocos deixados polas sete xogadores que marcharon do conxunto ao final da pasada campaña. O adestrador do Choco, “Marcos Montes” márcase como obxectivo "asegurar a permanencia, chegar aos 45 puntos e despois definir novos obxectivos".


O equipo de Redondela xogará o seu primeiro encontro da liga o 21 de agosto ante o Arousa, un dos máis fortes, logo enfrontará ao Ordes, un conxunto que perdeu aos seus mellores futbolistas con respecto á tempada pasada. Pero antes destes partidos oficiais de liga, o Choco xogará sete amigables o primeiro deles o próximo domingo ante o Xuvenil de Ponteareas ás sete e media da tarde no campo de Santa Mariña. Despois enfrontarase ao Moaña, Atios, Rápido de Bouzas, Ribadumia, Coruxo e Porriño Industrial.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: