www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 23 de Outubro de 2018

Un corte de servizo en Soutomaior deixa sen auga durante máis de 8 horas a miles de veciños
Política • 19/07/2016
Autor: M. X. Queimaliños

Así o denuncia o BNG desta localidade quen esixen responsabilidades tanto ao concello como a empresa concesionaria do servizo, Viaqua por un corte no subministro que supuxo "perdas importantes tanto para as empresas como para os veciños que se viron afectados na noite do sábado". O corte no servizo prolongouse ata altas horas da madrugada e supuxo un elevado prexuízo tanto os domicilios particulares e para a hostalaría local.


Nese sentido, o voceiro do BNG, Manu Lourenzo sinalou  que "non é de recibo que mentres as empresas e restaurantes de Soutomaior tiñan que mirar como os clientes marchaban a centos en hora punta nin dende o concello nin dende Viaqua, ninguén dera nin unha soa explicación do que estaba a acontecer".


Os nacionalistas sinalaron que dende había xa algún días, había queixas de diferentes veciños de que a auga baixaba sen presión pero que a pesar das consecuencias dun corte de servizo desas dimensións, en ningún momento se informou aos veciños.


Dende o BNG esixen explicacións xa que o servizo de auga debe ter o mantemento adecuado para  que estes cortes non se produzan e sobre todo, de habelas, que en ningún caso se produzan na hora punta dun sábado, nun concello que ten como un dos seus motores económicos a hostalaría.


Por este motivo, o voceiro nacionalista esixirá explicacións no vindeiro pleno ante un servizo polémico xa que o concello lle permite a esta empresa que o seu horario de atención ao público sexa tan só de 2 horas ao día.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: