www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 21 de Outubro de 2018

Teatro, música e narración oral na Praza de Reveriano Soutullo para celebrar o Ano Castelao
Cultura • 15/07/2016
Autor: M. X. Queimaliños

No marco da programación teatral que organiza a Deputación de Pontevedra co gallo da conmemoración do Ano Castelao, o vindeiro domingo 17 de xullo ás 12.00 h, a praza Reveriano Soutullo acollerá o espectáculo "A lingua na boca: letras, riscos e pensamentos de Castelao". O espectáculo, creado especificamente para achegar, dun xeito contemporáneo e atractivo, a figura de Castelao ao público actual, combina teatro, música e narración oral, e está destinado a público familiar.


Fran Núñez e Brais Iriarte, da compañía Limiar Teatro, parten de textos do propio Castelao que combinan con historias de creación propia sobre a vida e a traxectoria do político e escritos Castelao. As historias acompáñanse de músicas e melodías tradicionais galegas actualizadas e interpretadas en directo con diferentes instrumentos como guitarras, contrabaixo, frautas e melódica.


Este espectáculo, programado polo Departamento de Cultura e Lingua da Deputación Provincial, xirará polos 62 concellos da provincia nos meses de verán, pretende ser un achegamento a Galicia e á súa lingua a través dunha aproximación contemporánea á obra de Castelao, que está máis de actualidade ca nunca.


A entrada é libre e de balde.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: