Radio Redondela 94.9FM
www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 15 de Agosto de 2018

Solidariedade Galega co Pobo Saharauí busca financiamento para traer 325 nenos a Galicia
Sociedade • 8/07/2016
Autor: M. X. Queimaliños

Nesta edición do programa "Vacacións en Paz" son tan só dous os nenos saharauis acollidos pro familias de Redondela. Con todo, o programa debería achegar á comunidade a un total de 325 nenos que durante dous meses poden así afastarse das difíciles condicións nas que viven nos campos de refuxiados de Tinduf, onde a temperatura chega a superar os 40 graos. A asociación Solidariedade Galega co pobo saharauí busca 45.000 euros para evitar que este programa, que leva funcionando 25 anos, non se suspenda por primeira vez.


A data límite para poder realizar esta viaxe é o 15 de xullo, polo que dispoñen de tan só unha semana para reunir os cartos que precisan para abonar o prezo dos billetes ás compañías aéreas encargadas de trasladar aos rapaces. É a primeira vez que o programa, que se leva desenvolvendo dende o ano 1991, se enfronta a esta situación debido a que estas compañías lles solicitaron o pago dos billetes por adiantado, algo difícil de cumprir porque os concellos que subvencionan o programa non abonan as axudas ata que non chegan os rapaces.


Para tentar lograr o financiamento durante estes días están a realizar unha campaña de recollida de doazóns (a través do número de conta de ABanca ES40 2080 5056 13 3040034374) así como coa venda de rifas e a realización de mercadiños, que durante toda a fin de semana van funcionar no paseo de Samil a partir das 19:00 horas.


O obxectivo do programa ten varias vertentes. Por unha banda permite a estes rapaces afastarse dos campamentos do Sahara onde viven en condición precarias nun período no que as temperaturas poden chegar a superar os 40 graos. Por outra banda, tamén é un xeito de concienciar á poboación e non deixar que quede no esquecemento un problema mantén aos saharauís fora das súa terras.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: