www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 18 de Outubro de 2018

Carlos Taibo: "O TTIP é unha xogada mestra a favor das multinacionais e en contra da cidadanía"
Política • 7/07/2016
Autor: M. X. Queimaliños

Demoledora exposición a do profesor de ciencias políticas e escritor, Carlos Taibo, na conferencia sobre o Tratado transnacional de comercio entre Estados Unidos e Europa (TTIP) impartida onte no Multiusos da Xunqueira nun auditorio ateigado de público. Malia o seu pesimismo manifesto ante a que cualificou de "dramática desmobilización popular contra un tratado que vai provocar o deterioro medio ambiental, social e laboral" avogou pola creación de plataformas anti-TTIP e a desobediencia activa contra un acordo que nos queren impoñer.


Unha actividade organizada pola Asociación Cultural Alén Nós e na que Taibo explicou de xeito pormenorizado e pedagóxico o que está a ser unha negociación clandestina, cunha evidente falta de transparencia de cara a aprobar un acordo que en último termo suporá "o enfrontamento entre as grandes empresas de Estados Unidos e a Unión Europea contra o cidadán de a pé". Un acordo de comercio que coa escusa de facer desaparecer aranceis, burocracias e duplicacións é "unha xogada mestra das transnacionais para incrementar o seu poder por riba dos estados".


Un dos sectores que máis negativamente se vai ver afectado, ao entender de Taibo, é o da agricultura e a gandería "suporá unha competición feroz da man das grandes empresas norteamericanas, a irrupción visible de transxénicos na comunidade europea, o incremento do tamaño das explotacións e a redución dos empregos coa desaparición das economías de proximidade".


Como exemplo salientaba tamén as consecuencias que a aplicación do TTIP vai ter nos servizos públicos, cunha aposta pola privatización e o incremento do que os estudantes pagan en concepto de taxas para acceder ao ensino.


Ante esta situación alerta tamén da "dramática desmobilización popular". Malia existir estudos que afirman que un 30% da poboación está ao tanto da existencia deste acordo de comercio, Taibo reduce esa porcentaxe a un 5%  ou incluso menos. Ante isto defende a creación de plataformas anti-TTIP e avoga pola desobediencia activa ante o que nos queren impoñer.


Sobre esta falta de resposta da cidadanía, apunta que a poboación podería reaccionar ante o que anuncia vai ser o colapso do sistema, co incremento de dous graos das temperaturas e a redución do petróleo e materias primas, unha apocalíptica idea que segundo di podería producirse a curto prazo "en 20 ou 30 anos".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: