www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 22 de Setembro de 2018

López-Chaves e Bas vinculan o descenso do paro en Redondela aos plans de emprego da Xunta
Política • 7/07/2016
Autor: M. X. Queimaliños

O delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves visitou na mañá de hoxe Redondela para presentar o obradoiro de emprego "Redondela Ecosostible II" no que se formarán vinte desempregados, dez dos cales formaranse na especialidade de cantería e outros dez en xardinería e agricultura ecolóxica. Un obradoiro que busca mellorar a empregabilidade dos seus alumnos-empregados e que contará cunha subvención por valor de 180.000 euros.


O obxectivo deste obradoiro é formar a 20 persoas desempregadas para mellorar a súas posibilidades de cara a atopar un traballo. Ademais durante os seis meses que dura o obradoiro recibirán un salario como "alumnos-traballadores" nas especialidades de cantería e xardinería.


A actuación principal que desenvolverán no concello como parte importante da súa aprendizaxe, centrarase no acondicionamento e mellora da Alameda.


Tanto López-Chavez como o alcalde, Javier Bas, vincularon a realización destes obradoiros, un total de 6 dende a chegada do PP á alcaldía, co descenso experimentado nos últimos tempos no número de desempregados en Redondela, que chegou superar os 3.000 e actualmente atópase en 2.217. Neste sentido Bas apuntaba que "estes plans de emprego están a ser moi efectivos como o demostra o feito de que Redondela teña a taxa de paro máis baixa dos municipios de Pontevedra que superan os 10.000 habitantes".


A oferta complétase cun segundo obradoiro, o "Emprega Xove II" orientado a menores de 30 anos. Impartirá a especialidade de pintura decorativa a un total de 8 alumnos que se encargarán do acondicionamento do Multiúsos. A segunda especialidade formará a 7 alumnos no deseño gráfico.


As persoas interesadas nestes obradoiros poden informarse na Oficina de desenvolvemento local ou inscribirse directamente na oficina do Servizo Público de Emprego.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: