www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 17 de Decembro de 2018

A oposición forza ao PP a deixar sobre a mesa a rebaixa da plusvalía
Política • 5/07/2016
Autor: M. X. Queimaliños

O pleno celebrado onte serviu para escenificar a unión existente entre os grupos da oposición ante un PP en minoría que nada puido facer para sacar adiante as súas propostas. Así, malia a insistencia da voceira dos populares Carmen Amoedo, en criticar a postura da oposición por negarse "a aprobar unha rebaixa no imposto da plusvalía que só busca diminuír a presión impositiva que sofren os veciños" atopouse cunha postura común ao defender PSOE, AER, BNG e a concelleira non adscrita Raquel Quintáns que o máis favorables para os veciños e o concello era deixar o punto sobre a mesa para estudar máis polo miúdo a proposta "e valorar as súas repercusións nas arcas municipais así como facer unha revisión global do conxunto das taxas e impostos".


O goberno local pretendía aprobar unha baixada do imposto que grava o incremento do valor de terreos urbanos (a coñecida como plusvalía) reducindo progresivamente o tipo impositivo en función do número de anos da propiedade, sendo a rebaixa máis salientable as que afectarían a aquelas propiedade de máis de 15 anos de antigüidade que pasarían a pagar dun 30 a un 15%, segundo explicaba a popular Carmen Amoedo.


Os grupos da oposición, malia defender que o punto quedara sobre a mesa aseguraron non estar en contra dunha rebaixa de impostos, pero si da fórmula elixida polos populares. Así, a edil non adscrita Raquel Quintáns argumentaba que "antes de aplicar esta redución é preciso facer un estudo sobre as súas consecuencias".Pola súa banda o edil Xoán Carlos González afirmaba que "ao gravar a todos os veciños incluídas as economías máis febles, porque calquera transmisión ten que pagar unha cantidade importante, a redución debería ser maior".


O voceiro de AER  Ricardo Figueroa recriminou aos populares que malia terse aprobado en pleno no ano 2012 que se revisaran todos os impostos municipais para valorar si procedía unha rebaixa dos mesmos, nestes anos non se fixo nada. O edil defendeu que antes de adoptar calquera decisión "se faga unha revisión global de taxas e impostos".


Tamén os socialistas propuxeron que a proposta quedase sobre a mesa defendendo unha revisión catastral atendendo a que a última realizada no 2006 fíxose cando os prezo inmobiliarios estaban máis altos. Engadía o edil Mauro Álvarez que "esta revisión favorecería unha rebaixa da plusvalía, do IBI e tamén do que achegan os veciños en concepto de IRPF".


O posicionamento conxunto da oposición obrigou a retirar esta proposta algo que ao entender dos populares "non está xustificado" e que levaba a voceira do PP a asegurar que "o único que quere a oposición e non baixar os imposto aos veciños".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: