www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 16 de Outubro de 2018

Carmen Amoedo "Á oposición non lle importa Redondela, só busca entorpecer o goberno"
Política • 4/07/2016
Autor: M. X. Queimaliños

O Multiúsos da Xunqueira acolle hoxe un pleno ordinario que amosará si realmente existe unión entre os grupos da oposición logo de que nos últimos días se reunisen representantes de PSOE, AER, BNG e Xuntos Podemos co obxecto de preparar "posicionamentos conxuntos" ante o que cualifican "actitude de desprezo do PP". Ao entender dos populares con estes movementos o único que intenta a oposición é "xustificar a súa falta de traballo e os seus malos resultados nas últimas eleccións". Así o explica a voceira popular Carmen Amoedo quen insiste en que dende o PP "estamos facendo o noso traballo de xeito serio e rigoroso, a oposición o único que busca é entorpecer a acción de goberno e para iso empregan artimañas que os veciños non entenden".


En canto ao pleno de hoxe, no que se abordarán entre outras cuestións a rebaixa da ordenanza fiscal do imposto do incremento do valor de terreos urbanos (a coñecida como plusvalía) a modificación da taxa do lixo e a contratación do servizo de limpeza dos edificios municipais, asegura Amoedo que os grupos da oposición "non teñen ningunha xustificación para votar en contra".


Contesta tamén a edil ás críticas que os acusan de non presentar con tempo suficiente a información para as comisións "os grupos dispoñen de toda a documentación en tempo e forma, ademais a nova plataforma de transparencia permítelles consultar os expedientes a calquera hora do día sen necesidade de que se faga en horario laboral". Amoedo contraataca e asegura que o único que buscan os grupos da oposición con estas críticas é "agochar a súa falta de traballo" e engade que "o BNG e a edil non adscrita non aparecen ás comisións e os do PSOE chegan tarde e limítanse exclusivamente a levantar a man á hora de absterse". Tampouco AER se libra das críticas "só buscan titulares baleiros e faltos de argumentos e menten cando fan referencia a que lles damos os documentos a última hora".


Respecto das críticas por non ter acatado algúns acordos plenarios (non acudir ás procesións en nome do concello ou o cesamento dalgún concelleiro das súas funcións) explica Amoedo que "o alcalde cumpre todos os acordos que son competencia do Pleno".


Finalmente sobre unha eventual moción de censura apunta "é unha das opcións que lles da a lei, pero non terían xustificación algunha para presentala".


Malia as críticas asegura a voceira do PP que o seu grupo está "aberto o diálogo e a modificar o regulamento".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: