www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 26 de Maio de 2018

O PP pide a dimisión dos edís de AER tras arquivar a Fiscalía a denuncia pola comida de Feijoo
Política • 20/06/2016
Autor: M. X. Queimaliños

A Fiscalía ven de arquivar a denuncia presentada pola Agrupación de Electores pola comida celebrada no transcurso das Festas do choco do ano pasado e que, ao entender dos denunciantes, podía ser constitutiva dos delitos de malversación e prevaricación ao pagar o concello unha comida que segundo AER estaba enmarcada dentro da campaña electoral. A Fiscalía conclúe que non existe indicio de delito polo que determina o arquivo da causa. Os populares reciben o fallo con "satisfacción" e piden aos concelleiros denunciantes que "asuman as súas responsabilidades e presenten a súa dimisión".


O fallo da Fiscalía, ditado o pasado 10 de xuño, determina o arquivo de dilixencias da investigación ante a denuncia presentada por AER ao concluír a Fiscal que trala presentación de probas e toma de declaración "non se deduce a existencia de ningún ilícito penal".


O goberno local amosaba a súa satisfacción polo arquivo da causa "xa que tal e como defendemos dende o primeiro momento o que os concelleiros de AER denominaban comida electoralista, era unha comida de promoción e degustación do noso produto estrela dentro da carpa con todos os cidadáns co obxecto de dar unha maior visualización a nosa festa do Choco".


A edil Carmen Amoedo engade que "este fallo é claro e demostra que as difamacións non chegan nunca a bo porto, había que deixar traballar a xustiza pero demóstrase agora que AER o único que buscaba era difamar e botar por terra o traballo do equipo de goberno".


A popular vai máis aló e solicita a dimisión dos catro concelleiros de AER "non só pola denuncia en si, senón porque durante o tempo que pasou dende que interpuxeron a denuncia ata que a fiscalía decidiu arquivala dedicáronse a contaminar a labor do goberno con manifestacións e publicacións de boletíns nos que se dedicaban a difamar" para concluír asegurando que "a deriva de AER na súa forma de traballo o converten nun partido político rancio e cheo de rancor".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: