www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 17 de Novembro de 2018

Rouban en Cesantes a placa homenaxe aos remeiros falecidos
Sucesos • 17/06/2016
Autor: M. X. Queimaliños

A placa fora instalada na rotonda de entrada á praia da Punta en abril do ano 1995 en memoria de catro remeiros do Club de Remo de Cesantes que faleceran nun accidente de tráfico en Chapela. O roubo producido esta semana produce indignación entre os veciños que nos últimos tempos están a padecer unha vaga de roubos no mobiliario urbano.


A placa fora colocada polo Concello a petición do Círculo cultural de Cesantes hai 21 anos. Unha peza elaborada polo alumnado a escola taller e que consistía nun monolito de pedra no que se instalou esta placa de bronce co texto "na memoria dos remeiros falecidos". A desaparición da mesma indigna aos veciños que nos últimos tempos teñen tamén denunciado un incremento notable de roubos no mobiliario urbano da parroquia "incluso teñen roubado as tapas dos sumidoiros".


O motivo dos roubos non é outro que económico, xa que na maioría son pezas de ferro ou bronce que acaban no "mercado negro". De feito, a súa comercialización está moi controlada no noso territorio polo que se desconfía que placas como a de Cesantes acaben en chatarrarías de Portugal "o cal fai practicamente imposible que se poida recuperar".


Dende a Asociación de Veciños, Fernando González amosa a súa indignación por estes roubos "algúns dos cales poñen en perigo aos veciños, por exemplo os que afectan ás tapas do sumidoiro cuxa subtracción supón un perigo para condutores, viandantes e sobre todos nenos". Dende o Concello e ante estes roubos optaron por cambiar as pezas roubadas por outras de plástico.


O concelleiro de interior, Arturo González amosaba tamén a súa tristeza ante o último acto de vandalismo que afectou a esta parroquia e que "causa dor entre as familias dos falecidos aos que se dedicara esa homenaxe".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: