www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 25 de Setembro de 2018

O Concello solicita a inclusión do cargadoiro de Rande no Catálogo do Patrimonio Cultural da Xunta
Cultura • 14/06/2016
Autor: M. X. Queimaliños

A concellería de Cultura ven de remitir á Dirección Xeral de patrimonio da Xunta de Galicia a solicitude para que se inclúan no catálogo de patrimonio un total de tres elementos existentes no litoral de Rande co obxecto de dotalos de maior protección. Concretamente a petición tramitada dende o concello de Redondela afectaría aos dous cargadoiros así como aos restos da fortaleza. Explica o edil de cultura, Xabier Alonso, que a solicitude chega ante o atraso que está a ter a declaración de Ben de Interese Cultural (BIC), que debería protexer todos os patrimoniais existentes na zona e que está en tramitación dende hai tres anos.


Desde o Concello de Redondela xestionan desde hai tres anos, logo de que así se aprobase en pleno por unanimidade unha moción presentada por AER, a declaración de todos os elementos patrimoniais da zona de Rande como Ben de Interese Cultural (BIC). Con todo, logo de tres anos este expediente continúa en tramitación.


Ante esta situación e logo da alarma xerada a raíz do anuncio da Autoridade Portuaria de levar a cabo unha actuación no antigo cargadoiro de Rande  para convertelo en porto de atraque de barcos ruinosos, que podería poñer en risco a súa supervivencia tal e como hoxe o coñecemos, dende a Concellería de Cultural "decidimos cambiar de estratexia" confesa o seu responsable Xabier Alonso. Así, hai tan só uns días veñen de tramitar ante patrimonio unha solicitude para que este departamento da Xunta inclúa no seu catálogo un total de tres elementos- os dous cargadoiros e os resto da fortaleza-  "o que suporía dotalos dunha protección moi alta e garantir que queden protexidos antes eventuais actuacións como a que estes días anunciaban dende o organismo que preside López Veiga".


Unha solicitude que non invalida a súa Declaración de BIC "na mesma petición na que solicitamos a Catalogación destes elementos solicitamos tamén que se levante a suspensión da tramitación de Ben de Interesa Cultural e que se incoe o expediente canto antes".


Confía o edil que a Xunta conteste no prazo de 6 meses.


Protección dos bens catalogados


A Xunta contempla que os bens do patrimonio cultural que, sen chegar a ser declarados de interese cultural, posúan especial singularidade, situación na que se atoparía pro exemplo o antigo cargadoiro de mineral tamén coñecido como Cotto Wagner, poden ser incluídos no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia gozando así dunha protección especial. É ademais un instrumento para a investigación, a súa consulta e difusión. Nel inclúese a información para a correcta identificación e, no caso dun ben inmoble, ademais de todos aqueles elementos que o integran, o contorno afectado, considerado como un territorio graficamente delimitado no que os elementos xeográficos e naturais tamén gozan de protección. Tamén se determina no catálogo a compatibilidade do seu uso coa conservación axeitada dese ben catalogado.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: