www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 24 de Xuño de 2018

Traballo concede a Redondela dous obradoiros de emprego para formar a 35 desempregados
Sociedade • 10/06/2016
Autor: M. X. Queimaliños

A Xunta concedeu a Redondela, a través da Consellería de Economía, emprego e industria, unha subvención por valor de 310.000 euros para levar a cabo dous obradoiros de emprego no que participarán 35 alumnos-traballadores que se formarán como pintores, deseñadores gráficos, xardineiros e canteiros. A xente que estea interesada deberá solicitar a súa inclusión no programa no Servizo Público de Emprego.


Estes obradoiros, solicitados pola concellería de Desenvolvemento Local que dirixe a edil Mª Carmen Amoedo, servirán para preparar ao alumnado para desenvolver diferentes profesións e mellorar así a súa empregabilidade. Os participantes encargaranse ademais de acometer diferentes actuacións no propio concello como por exemplo o acondicionamento do multiúsos da Xunqueira ou o axardinamento de diferentes zonas da vila.


O primeiro dos obradoiros concedidos é o "Emprega Xove II" orientado a menores de 30 anos. Impartirase neste obradoiro a especialidade de pintura decorativa a un total de 8 alumnos que se encargarán do acondicionamento do Multiúsos. A segunda especialidade formará a 7 alumnos no deseño gráfico. Uns cursos subvencionados pola Xunta con 130.000 euros e cunha achega municipal de 26.000 euros.


O segundo dos obradoiros concedidos é o "Redondela Ecosostible II", orientado a persoas desempregadas sen idade específica, dez dos cales formaranse na especialidade de cantería e outros dez en xardinería e agricultura ecolóxica. Os primeiros encargaranse de mellorar o mobiliario urbano en distintas zonas do concello, mentres que os segundos traballaran no proxecto de agricultura ecolóxica de Pousadouro e traballarán tamén no acondicionamento de distintas zonas de Redondela.


As persoas interesadas poden informarse na Oficina de desenvolvemento local ou inscribirse directamente na oficina do Servizo Público de Emprego.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: