www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 24 de Xuño de 2018

O BNG critica "as insuficientes prazas" do Plan municipal de conciliación
Política • 10/06/2016
Autor: M. X. Queimaliños

Os nacionalistas entenden que as 225 prazas que se oferta dentro do plan de conciliación que organiza a Concellería de Muller e igualdade "caracterízase por ser insuficiente e obedecer a intereses económicos". O concelleiro do bloque, Xoán Carlos González, afirma que dende o goberno local "limitan o número de prazas, cun orzamento pechado, coa única finalidade de presentar un balanzo económico positivo, maila que se deterioren servizos".


"Unicamente se ofertan 225 prazas para o mes de xullo. Nada para agosto, nin setembro", afirma o concelleiro nacionalista, para quen "detrás deste xeito de gobernar está o modelo de Javier Bas, que consiste en introducir restricións en servizos demandados polas familias, e poder presentarse como un moi bo xestor".


Engade o edil que "xa no verán pasado houbo un número importante de familias que non puideron gozar desta actividade, malia o cal dende o goberno non se axustou o servizo ás necesidades e ás demandas reais das familias tanto no número de usuarios como de meses da actividade".


Os nacionalistas critican que non se introduzan modificacións no plan municipal de cara a cubrir todas as demandas de conciliación mentres aplauden que "o movemento asociativo vaia por diante do goberno, xa que hai algunha ANPA, que ante a previsión de que non se cubra a demanda no Concilia,  organiza campamentos en xullo e agosto". Xoán Carlos González "anima a que todo o mundo presente a súa instancia, como nova medida de presión sobre un goberno que actúa a bandazos".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: