www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 18 de Outubro de 2018

O carallote, rei do prato nunha nova cita gastronómica promovida pola Confraría
Sociedade • 9/06/2016
Autor: M. X. Queimaliños

Cesantes acolle este domingo a I edición da Festa do Carallote ou Longueirón, unha cita coa que queren impulsar a venda e o consumo deste produto "dunha calidade excepcional" segundo confesa o patrón maior Clemente Bastos. Serviranse preparados á prancha ou en empanada nunha carpa que se instalará no peirao nunha xornada de festa que arrancará as once da mañá co inicio da degustación.


O longueirón, tamén coñecido como carallote, deixou de capturarse durante 20 anos polos baixos prezos que as mariscadoras obtiñan coas súas capturas. Sen embargo, hai tres anos e logo dunha tempada desastrosa no marisqueo pola elevada mortandade do berberecho, as mariscadoras tiveron a idea de recuperar este produto.


Un molusco, semellante a navalla, "de altísima calidade e sabor peculiar" que agora está a recuperarse cun incremento notable das ventas con destino a Madrid e Barcelona. Para animar tamén aos veciños a consumilo, a Confraría decidiu organizar a que será a I festa do Carallote que se vai desenvolver este mesmo domingo e no que se porán a venda 900 kilos do produto, preparado a prancha ou en empanada. Explica o patrón maior que para animar a asistencia os pratos ofreceranse a prezos económicos: 5 euros a ducia e 3 euros a ración de empanada, empanada que se pode comprar tamén por 12 euros o kilo.


A festa arrancará coa apertura da degustación ás once da mañá nunha carpa amenizada polo grupo de gaiteiros "Refrescante xiada". As doce terá lugar a lectura do pregón a cargo do produtor teatral Xandre Vázquez e as catro da tarde actuará o Dúo Estelar.


Unha festa que busca poñer en valor e animar aos redondeláns a consumir este produto autóctono da enseada.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: