www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 26 de Maio de 2018

A Autoridade Portuaria paraliza o proxecto de amarre de barcos ruinosos no cargadoiro de Rande
Política • 8/06/2016
Autor: M. X. Queimaliños

O presidente da Autoridade portuaria, Enrique López Veiga, logo de reunirse de urxencia co alcalde de Redondela, Javier Bas, comprometeuse a paralizar o proxecto para converter o cargadoiro de Rande nun porto de amarre de barcos ruinosos e avariados logo de coñecer que existe unha petición por parte do concello para declarar o lugar BIC (Ben de Interese Cultural). Bas agradece a "comprensión da Autoridade Portuaria logo da polémica suscitada así como a súa rápida contestación ás nosas demandas".


O alcalde de Redondela reuniouse de urxencia co presidente de autoridade portuaria Enrique López Veiga para expresalle "o seu total desacordo con este novo uso para o cargadeiro de mineral de Rande e para poñer no seu coñecemento, como xa o fixera co anterior presidente da Autoridade Portuaria Ignacio López Chaves, da pretensión do concello de Redondela de solicitar a declaración de BIC (Ben de Interese Cultural) da Fortaleza de Rande e dos Bens Culturais asociados a ela, entre os que se atopa o propio cargadeiro de mineral".


Na reunión, Bas informou ao presidente da Autoridade Portuaria de que o concello solicitou oficialmente en data 7 de febreiro de 2013 á Consellería de Cultura e Educación a apertura de expediente para declaración de BIC. Ante esta información Enrique López Veiga manifestou que descoñecía dita solicitude polo que pediu ao alcalde que se remita copia de toda a documentación para o seu estudo.


Asegura Bas que "a Autoridade Portuaria entendeu a importancia que para Redondela ten a zona de Meirande e que dende o noso concello queremos preservar ese espazo natural e toda a súa contorna, polo que agradezo a súa comprensión ante a polémica suscitada e a súa rápida contestación ás nosas demandas".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: