www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 24 de Xuño de 2018

O amarre de barcos ruinosos no cargadoiro de Rande é incompatible coa protección do patrimonio
Cultura • 7/06/2016
Autor: M. X. Queimaliños

Así o entende o arqueólogo Xurxo Constela quen insta a Autoridade Portuaria a fuxir deste tipo de proxectos, que van en contra da protección medioambiental e patrimonial, e a tomar como referencia as iniciativas que estas institucións están a desenvolver noutros portos como Bilbao ou Santander. A Agrupación Alén Nós manifesta tamén o seu rexeitamento a este anuncio e solicitan "maior contundencia por parte do alcalde Javier Bas como membro da Autoridade Portuaria e como representante do concello".


Constela lamenta os reiterados ataques ao patrimonio, en particular na zona de Rande "cando aínda non nos recuperamos da aparición das máquinas ameazando os restos arqueolóxicos da fortaleza na base da Ponte agora atopámonos co anuncio da Autoridade Portuaria para converter o cargadoiro de mineral de Rande nun peirao de amarre de barcos en ruínas" explica. Un proxecto que debería ser incompatible coa protección que este espazo merece por estar declarado Rede Natura 2000 pero que desgraciadamente carece de protección algunha en canto aos seus elementos patrimoniais". Unha protección que si estaría "en trámite" atendendo a moción aprobada por unanimidade da corporación pola que se solicita declaración de Ben de Interese Cultural para o conxunto patrimonial que existe neste espazo (Fortaleza de rande, xacemento arqueolóxico dos pecios e o propio cargadeiro de mineral Coto Wagner).


O arqueólogo lamenta que a Autoridade Portuaria de Vigo presente iniciativas que van en contra do patrimonio na vez de tomar como referencia o traballo que este mesmo organismo desenvolve en portos como o de Bilbao ou Santander, potenciando o seu patrimonio "non debemos esquecer que a Autoridade Portuaria foi quen cedeu os terreos para a construción do Guggenheim, convertido a día de hoxe nun motor económico na cidade" conclúe.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: