www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 21 de Outubro de 2018

Máis de 800 deportistas participarán no XIII Torneo Fútbol Sala Arealonga no pavillón de Chapela
Deporte • 7/06/2016
Autor: Ana Prieto

O Arealonga F.S. organiza un ano máis a que é xa unha das citas ineludibles do calendario de fútbol sala na provincia. Este ano celébrase do 23 de xuño ao 3 de xullo. Once días de competición en todas as categorías, desde os "mini" ata os sénior, con categorías masculinas, femininas e mixtas.


O torneo presentouse esta mañá no Concello de Redondela, onde o edil de Deportes Julio Mougán salientou "o gran traballo" que hai detrás dun evento destas características. Por iso agradeceu o "esforzo" que desde o club fai a directiva do Arealonga F.S., así como as empresas colaboradoras. Iván Vázquez, o presidente do club, lembrou que levan varios meses traballando para que todo saia "á perfección", coa colaboración das empresas e comercios de Chapela que se envorcan con esta cita deportiva. Máis dun cento de equipos participarán nesta edición, na que Vázquez Figueroa destaca tamén a presenza de equipos femininos. Durante once días disputaranse no pavillón municipal de Chapela uns 350 partidos, nos que xogarán máis de 800 futbolistas de todas as categorías. E todos eles levarán a súa medalla. Jose Manuel Castro, da empresa Construcións Castro Chapela, participou tamén na presentación do torneo, como patrocinadores deste torneo, e salientou o seu apoio ao deporte da parroquia. No XIII Torneo Arealonga contan coa participación de equipos de Redondela, pero tamén de toda a provincia de Pontevedra, e algúns representantes da provincia de Ourense. A inscrición aínda está aberta, e é de balde para as categorías inferiores que poden anotarse ata o 13 de xuño nas modalidades Mini, Prebenxamín, Benxamín, Alevín e Infantil. Para o resto de categorías o prazo está aberto ata o 15 de xuño. Son as de Cadete masculino e feminino, Xuvenil masculino, Sénior mixto, Sénior feminino e Sénior masculino. O prezo da inscrición vai desde os 50 euros dos cadetes, ata os 100 da sénior masculina.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: