www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 27 de Maio de 2018

O Millo Verde celebra os seus dez anos de festival co seu cartel máis internacional e ecléctico
Cultura • 6/06/2016
Autor: M. X. Queimaliños

A granadina Vinila Von Bismark é unha das estrelas no X aniversario dun festival que este ano volve celebrarse na área recreativa de Chan das Pipas en Saxamonde. A programación, que arranca o xoves día 9, inclúe tamén un intenso programa diurno orientado a público familiar con espectáculos infantís, citas deportivas e as xa tradicionais apostas pola diversión co escalabirras e a jam graffiti. Unha edición que aposta tamén pola solidariedade animando ao público a achegar produtos non perecedoiros que serán entregados a ONG DaMan.


O festival cumpre unha década de historia loitando contra o mal tempo e parece que nesta edición si poderán deixar os paraugas na casa. Niso confían os organizadores que manteñen a súa aposta por un programa que abarca todas as idades e todos os públicos. Para iso contarán coa presenza de grupos que van dende o folk ata o rock and roll pasando polo swin ou o punk. Música variada con grupos que chegan dende Holanda, Suiza, Amsterdam ou a granadina Vinila Von Bismarck, un dos pratos fortes desta edición.


O programa arrancará xa o xoves coas actuación do grupo local Fame Negra, os vigueses The Marveltons e o grupo Zibabu, chegado dende Amsterdam.


O venres arrancará en horario de tarde o programa máis familiar, con partidos de baloncesto e futbol sala, a jam grafitti e a actuación de Relámpago rock, grupo integrado por tres mozos de 11 e 17 anos que fan versións de rock.


Xa pola noite a granadina Vinila von Bismark, alter ego de Irene López Mañas presentará os temas do seu disco "A place with no name" e compartirá escenario con outros grupos tan afastados do seu estilo como os galego Pan de Capazo, Chotokoeu e a música dos holandeses Maison du Malheur.


O sábado a programación será máis madrugadora con sesión vermú as doce do mediodía e actividades variadas durante toda a xornada. Pola noite será a quenda dos gañadores do concurso de maketas, os pontevedreses The soul breakers, os alicantinos The troupers swind band e as músicas dos grupos Gypsy Sound System Orkestra e The Anomalys, os primeiros chegados dende Suíza e os segundos de Amsterdam.


Unha liña de autobuses volverá conectar o centro da vila co recinto en Chan das Pipas, un servizo que permitirá a todos os que o desexen achegarse ao lugar sen necesidade de botar man do coche a un prezo de 1 euro.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: