www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 23 de Outubro de 2018

Samuel Blanco: "Para practicar este deporte tenche que gustar sufrir"
Deporte • 2/06/2016
Autor: M. X. Queimaliños

O Ciclista redondelán Samuel Blanco ven de proclamarse subcampión Sub23 do campionato galego contrarreloxo en Baños de Molgas en Ourense. Un éxito deportivo que segundo recoñece é froito do "traballo, traballo e máis traballo" pero tamén da confianza que depositaron nel os responsables do Club Ciclista Rías Baixas, con Marcos Serrano a cabeza como director do equipo técnico.


O ciclista redondelán Samuel Blanco era recibido onte no concello polo edil de deportes, Julio Mougán quen o felicitou polo seu segundo posto no Campionato Galego de Contrarreloxo na categoría sub-23. Un novo éxito deportivo protagonizado por un veciño de Chapela que é froito do esforzo persoal do deportista pero tamén do intenso traballo de base que se vén facendo dende a escola de ciclismo que dirixe Marcos Serrano e que fai que esta modalidade deportiva siga medrando.


Samuel Blanco, con tan só 21 anos milita no Club Ciclista Rías Baixas logo de 5 anos de intensa actividade deportiva dende que comezara con 16 a dar as súas primeiras pedaladas no Club Ciclista Vigués. Coa confianza que depositou Marcos Serrano e Chamorro, decántase por fichar no Club Ciclista Rias Baixas, equipo no que milita actualmente, e pelexa por facerse un oco no ciclismo profesional. Logo dos éxitos acadados nas últimas semana márcase agora como próximos obxectivos participar na Vuelta a Castellón, nos campionatos de España e no campionato galego.


Un recoñecemento no que participou tamén o seu adestrador, Marcos Montes, responsable da escola de ciclismo que conta en Redondela con 60 ciclistas, nenos e nenas menores de 18 anos, de Redondela, Soutomaior, Mos ou incluso Vigo.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: