www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 20 de Setembro de 2018

En Chapela os problemas medran
Sociedade • 30/05/2016
Autor: Ana Prieto

As expropiacións e danos polas obras de ampliación da autoestrada AP-9, a falta de seguridade viaria na Avenida de Redondela N-552, ou a falta de mantemento en camiños de barrios como Cidadelle son algunhas das queixas dos veciños da parroquia.


A Asociación de afectados polas obras de ampliación da autoestrada demandan a Fomento a instalación dun paso de peóns regulado por semáforos na N-552, á altura do acceso ao barrio da Igrexa e a farmacia. Residentes da zona como Paco, que rexenta un negocio de ultramarinos, entende que é "moi necesario", xa que é unha zona cun elevado tránsito de peóns. Moitos son persoas maiores, que se desprazan para ir á igrexa, e cruzan por unha zona perigosa para evitar o rodeo que supón utilizar o paso elevado situado no pavillón.  Outros veciños de Chapela, pola contra, apuntan que o paso de peóns é máis necesario "á altura do CEIP Igrexa", onde non existe paso elevado. Jose, que ten aos seus fillos escolarizados nese centro, demanda ademais maior presenza policial no horario de entrada e saída ao colexio, sobre todo os días de chuvia. Outro problema engadido, e que deriva das obras da AP-9, e a situación do propio CEIP Igrexa, afectado pola ampliación e do que están pendentes máis dun cento de familias. As clases están a piques de rematar e nada se sabe do que acontecerá o próximo curso. A administración comprometeuse a construír un novo colexio da coñecida como "finca da Ginaria", pero as obras aínda non comezaron. A esta afección hai que engadir ás ducias de veciños afectados tamén por expropiacións das súas vivendas e terreos, moitos deles aínda sen recibir as compensacións correspondentes. E o peor, segundo denuncian, é "a falta de información". Silvia, que rexenta un establecemento de hostalaría na zona, coñece ben estas queixas. Unha situacións que lamentan os veciños de Chapela, que non comparten sequera a necesidade de ampliar a autoestrada. Algúns como Serafín apuntan que os colapsos na ponte de Rande son puntuais, uns poucos días de verán, polo que non entende esa inversión "millonaria", que estaría mellor empregada di "en sanidade ou educación". Pero os prexuízos pola ampliación da AP-9 non son a única queixa dos veciños, que tamén lamentan o estado de "abandono" dos barrios da parroquia. E o caso de Cidadelle, que denuncia Alberto, onde se rexistran graves danos no firme dos camiños, como o do Leitón.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: