Radio Redondela 94.9FM
www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 19 de Agosto de 2018

Medio Ambiente non prohibirá o baño en Arealonga malia que Europa recomenda a súa clausura
Sociedade • 27/05/2016
Autor: M. X. Queimaliños

A Comisión Europea incluíu o areal de Chapela entre as 31 praias de todo o estado que deberían pecharse ao baño pola mala calidade das súas augas. Unha recomendación que o concelleiro de medio Ambiente, Miguel Angel Alvarez Ballesteros, non ten previsto acatar por entender que mergullarse na praia de Arealonga non supón ningún risco para a saúde. Así, atendendo ás análises feitas pola Xunta de Galicia "nas que se constata que a auga do areal ten mellorado nos últimos anos" non teñen previsto prohibir o baño nesa praia de Chapela.


A Axencia Europea de Medio Ambiente (AEMA) recomenda pechar permanentemente ao baño 31 praias de todo o estado por seren reincidentes durante os últimos cinco anos en canto á baixa calidade das súas augas. Nesa situación atoparíase a praia de Arealonga. Malia esa advertencia, o edil de medio Ambiente asegura que os usuarios desta praia poden gozar do baño tranquilamente. Explica o edil que a recomendación europea sobre prohibir o baño nesta praia "responde a que Europa aconsella que aqueles areais que durante cinco anos dan unha calidade insuficiente sexan clausurados, pero nós transmitimos unha mensaxe de tranquilidade porque a auga é incluso mellor que hai anos, os resultados seguen a ser negativos porque se elevaron os niveis de esixencia"


Engade que aínda que a calidade non sexa óptima "tense mellorado grazas a diferentes intervencións que eliminaron varios puntos de vertidos e nesa liña vaise continuar con novas obras na zona de Pasán e Ponteseca".


Alvarez Ballesteros asegura que "en ningún momento se pensou na posibilidade de prohibir o baño" aínda que si recoñece que está xa colocado o cartel de "non recomendable" por indicación da Consellería de Sanidade.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: