www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 19 de Decembro de 2018

Redondela acolle o Campionato Estatal infantil feminino de balonmán
Deporte • 27/05/2016
Autor: Ana Prieto

A SAR organiza na bomboneira o Campionato Estatal infantil feminino. O equipo redondelán medirase ao BM Carabanchel, o BM Plasencia e o ADC Teguise. Mentres o BM Castro Chapela viaxa a Euskadi para disputar a fase de ascenso a División de Honra Prata. No fútbol a atención está posta no Choco, que viaxa a Badaxoz para disputar a volta na fase de ascenso a Segunda División B. E no remo o C.R. Chapela participa no Campionato Galego de Traineriñas en Meira.


Campionato de España Infantil Feminino


Campionato de España Infantil Feminino


Os partidos arrincan hoxe ás 18.00 horas na bomboneira. O sábado comezarán ás 17.30 e o domingo ás 10.45 horas. As rapazas da SAR xogarán esta tarde ás 20.00 horas ante o Plasencia. Mañá sábado enfróntase ao Teguise ás 17.30 horas, e pechan a competición o domingo ante o Carabanchel ás 12.45 horas


O Castro Chapela en Euskadi


O Chapela comeza en Tolosa ante o Sant Quirze catalán a fase de ascenso a División de Honra Prata. O equipo de Fran Teixeira tratará de regresar á División de Honra Prata de balonmán, pero o reto non é doado. Á dificultade dos equipos de alto nivel cos que se mide está hai que engadir o do desprazamento. A madrugada deste venres pasárona de viaxe no autobús, e pola tarde mediranse ao Sant Quirze catalán (18:30). O presidente do club, Manuel González Soto, non é moi optimista en canto ás opcións de facerse co ascenso, e cuestiona "a calidade arbitral". Mañá medirase ao Cajasur Córdoba (17:00) e para o domingo queda a cita co equipo organizador, o Tolosa (12:30).


O C.D. Choco vai a Badaxoz a "dar a cara"


O equipo de Marcos Montes afronta este domingo o partido máis importante da súa historia. Defenderá en Estremadura ante o Badaxoz o 2-1 do partido de ida na fase de ascenso a Segunda División B. Saben que o rival segue a ser o favorito malia a derrota en Santa Mariña, pero viaxan co obxectivo de facer o seu xogo, un fútbol de calidade que os levou ata onde están agora. A situación dos dous equipos é ben diferente. O Choco é un dos conxuntos máis modestos da Terceira, e a súa clasificación para o "play off" por segundo ano consecutivo xa supera todas as expectativas do club. O Badaxoz, pola contra, é un histórico que ten o ascenso a Segunda División B como obxectivo prioritario. Pero será o Choco o que defenda este domingo (19.00 horas) no Nuevo Vivero a vantaxe do 2-1 conseguida en Redondela. Fer e Comis, autores dos dous goles redondeláns, recoñecen que a renda é escasa, pero que pelexarán no partido de volta


Campionato Galego de Traineriñas


O C.R. Chapela participa esta fin de semana no campionato autonómico que se celebra en Meira, e onde se repartirán os billetes para o Campionato de España, que será en augas cántabras. En total serán 23 as embarcacións que disputarán as eliminatorias nas tres categorías a concurso, con participación de Chapela en todas elas. A clasificatoria será mañá ás 17.30 horas e en cada categoría pasarán para a final do domingo os dous primeiros de cada quenda e o mellor dos terceiros. O domingo será a final do Galego, a partir das 11.30 horas. Lograrán o pase para o Campionato de España os dous primeiros clasificados nas categorías absoluta masculina e feminina, mentres que dos xuvenís pasarán tres. Previamente, ás 10.45 horas, celebrarase unha regata de veteranos na que compiten o propio Tirán, Samertolaméu, Rianxo, Chapela e Virxe dá Guía.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: