www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 20 de Setembro de 2018

A singularidade da festa da Coca faina merecedora de ser declarada Patrimonio Cultural Inmaterial
Cultura • 25/05/2016
Autor: M. X. Queimaliños

Así o entende o historiador José Martínez Crespo quen fala deses elementos singulares como os Xigantes e Cabezudos, a Coca, a danza das espadas e, sobre todo, elementos como as Burras e as Penlas, cuxo orixe hai que buscalo xa no século XVI, e que fan da Festa do Corpus de Redondela unha celebración única. Atendendo a esas razóns habería motivos máis que suficientes para declarar esta celebración Patrimonio Cultural Inmaterial, un recoñecemento que concede a Unesco a aquelas tradicións herdadas do pasado e cuxa relevancia merece de protección especial. O Concello ven de inaugurar unha exposición en torno a Festa da Coca con textos de José Martínez Crespo na que se fai un percorrido pola tradicional festa que aúna elementos relixiosos e pagáns.


A festa da Coca, explica Martínez Crespo, é unha celebración que nace tardiamente e que busca acubillar todos eses elementos pagáns que procedían de festas anteriores que organizaban os gremios. Elementos todos eles  singulares pero cun especialmente destacable: a figura das penlas, por seren as únicas que perviven dende o século XVI "unha figura que só se mantén en Redondela, feito este que xustifica a proposta de que se recoñeza este e o resto dos elementos que conforman a Festa da Coca como patrimonio cultural inmaterial".


Explica Martínez Crespo, autor de diferentes publicacións en torno a esta festa, que "o feito de que nós esteamos moi acostumados a ver estes elementos fainos esquecer que estamos a falar dunha festa única" polas súas características.


Neste sentido, apunta tamén a necesidade de traballar apra conseguir a declaración da Unesco e tamén por espallar o coñecemento da nosa festa "a danza das espadas e as penlas son practicamente descoñecidos canso se trata de elementos que naceron no século XVI como unha festa pagá e da cidadanía da que participaban todos os veciños e que non contaba co apoio da Igrexa".


Para afondar máis nesta tradición secular Crespo convida aos veciños a achegarse a esta exposición, do mesmo xeito que o alcalde quen explica que a mostra, que se ppoderá ver ata o 1 de decembro no Multiúsos pretende trasladar aos veciños coñecementos da nosa tradición a través das imaxes e dos textos con referencias tamén a Xan Carallás, figura que formaba parte do imaxinario colectivo redondelán moito antes de que o debuxara Castelao en 1932 e cuxa orixe podería tamén ter que ver co propio Corpus "xa que podería tratarse da antiga figura de Xoán de Arzúa que saía nos séculos XVI e XVII".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: