www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 24 de Xuño de 2018

Roteiros medioambientais en Soutomaior
Cultura • 20/05/2016
Autor: M. X. Queimaliños

A Concellería de Educación inicia novos roteiros medioambientais que se realizarán durante o mes de maio e xuño. Estes roteiros están deseñados para todos os públicos e teñen como finalidade poñer en valor os recursos naturais e patrimoniais do noso Concello e arredores. Están guiados por unha experta medioambiental que axudará a que as persoas participantes poidan ampliar os seus coñecementos sobre plantas, árbores, animais, etc.


A primeira das propostas será o domingo 29 de maio e leva por nome "O roteiro do Monzón". Son 5 kilómetros que percorrerán zonas de piñeiral mesturado con carballos, loureiros e eucaliptos. Para concluír o 12 de xuño proponse un roteiro de película que servirá para coñecer o patrimonio de Pontesampaio. Unha ruta de 7.7 kilómetros que levará aos participantes por zonas naturais, bosques e pequenos regatos acompañados por representacións patrimoniais tradicionais onde incluso se chegou rodar unha curtametraxe.


Ademais dos contidos de educación medioambiental os roteiros tamén aportan un compoñente lúdico que os fai moi atractivos e enriquecedores porque se realizan usando a técnica da orientación e do xeocaching. Durante todo o roteiro haberá unha serie de pistas que se irán atopando mediante a interpretación dun mapa que se lles entregará previamente ao inicio do percorrido.


Uns traxectos sinxelos e asequibles polo que desde o Concello animan a todos os veciños e veciñas a participar nunha actividade completamente de balde pero que precisa de inscrición previa na OMIX (teléfono 986700822) porque as prazas son limitadas.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: