www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 26 de Maio de 2018

O Festival de títeres quece motores para a fin de semana cos espectáculos “In Memoriam” e “Parias”
Cultura • 19/05/2016
Autor: M. X. Queimaliños

A compañía checa Teatro Konmo ofrece dúas funcións escolares de "O conto do vello lobo", obra que se poderá ver tamén na fin de semana dentro da programación de rúa na Praza do Concello, mentres que os galegos de El Retrete de Dorian Gray presentarán ás 21:00 horas de hoxe a obra "In Memoriam". O actor e titiriteiro Javier Aranda será o protagonista da función de sala do venres con "Parias".


A cuarta xornada do XVII Festival Internacional de Tïteres de Redondela (Memorial Juanjo Amoedo) continúou na mañá de hoxe xoves coa actuación para escolares dos checos de Teatro Konmo e a súa peza "O conto do vello lobo", unha nova versión do clásico conto de Carapuchiña Vermella que se centra na figura do lobo, desvelando algúns segredos do que lle aconteceu despois de intentar papar á Carapuchiña e máis á avoa, obra que se poderá ver tamén dentro da programación de rúa o sábado e domingo na praza do Concello.


A programación de sala deixanos hoxe o espectáculo "In Memoriam" coa compañía galega El Retrete de Dorian Gray, integrada por Marcos e Esra. A obra parte do teatro de obxectos e monicreques para crear pequenos grandes formatos cheos de inventiva visual. A historia, ambientada nunha cidade calquera de Europa en 1870, versa sobre os recordos de Percival Robinson Junior, que despois de morrer nun desgraciado accidente de tren, embárcase nunha serie de esforzos e peripecias para frear o inevitable paso do tempo.


O único pase desta obra, recomendada para maiores de 12 anos, será ás 21:00h no Auditorio da Xunqueira.


Mañá venres a quenda será para "Parias" de JavierAranda. Unha peza de monicreques para adultos onde a relación entre o boneco e o titiriteiro chega a un grao de intimidade que estremece. Nesta obra, os títeres son o símbolo brillante da degradación e a marxinación do ser humano, as súas historias espertan emocións que nos fan tomar consciencia de que aínda estamos vivos e temos criterios morais.


As entradas para este e o resto de espectáculos de sala poderanse adquirir na billeteira do Festival, instalada no vestíbulo do Multiúsos, a un prezo de 6€ adultos e 4€ nenos. O horario de apertura será de dúas horas antes de cada función, agás para os espectáculos programados ás 17:00h, nos que abrirá ás 16:00.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: