Radio Redondela 94.9FM
www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 19 de Agosto de 2018

Record de usuarios nas bibliotecas municipais con máis de 40.000 visitantes
Cultura • 13/05/2016
Autor: M. X. Queimaliños

O concello de Redondela conta coa sexta biblioteca de titularidade municipal que máis préstamos realizou no ano 2015 de entre as 159 de toda Galicia que están inscritas no Proxecto Meiga. En total foron 11.683 préstamos os realizados ao longo do ano pasado na Biblioteca Municipal de Redondela aos que habería que engadir os 5.290 préstamos que no mesmo período se contabilizaron na Axencia de Lectura de Chapela. Unhas cifras, feitas públicas pola Consellería de Cultura, que converten ás bibliotecas municipais no servizo que máis público congrega en Redondela.


Consultar información, levar en préstamo un libro ou un DVD, acceder a internet, asistir a contacontos, obradoiros  ou estudar son algúns dos motivos que levaron aos veciños a realizar un total de 41.600 visitas á Biblioteca Municipal de Redondela durante o pasado ano. Un servizo que conta con 6.247 socios inscritos aos que hai que engadir outros moitos usuarios que non contan con carné. Datos tamén salientables os contabilizados na Axencia de Lectura Municipal de Chapela, que con 511 prestatarios activos e 2.000 socios sitúase no segundo lugar de entre as 46 Axencias de Lectura contabilizadas.


Unhas bibliotecas que durante o ano pasado organizaron numerosas actividades de animación a lectura, un total de 75 actos en Redondela con máis de 1040 asistentes  e 26 actividades en Chapela.


Asemade, as bibliotecas promoven tamén este servizo a través das novas tecnoloxías con 245.106 visitas ao blog e un total de 3688 usuarios de internet na Biblioteca Municipal de Redondela.


 


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: