www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 24 de Setembro de 2018

Puntada sen fío presenta no Multiúsos o seu disco "A lúa prendeu a luz"
Cultura • 12/05/2016
Autor: M. X. Queimaliños

O ciclo da Rede de Músicas Soltas de Redondela, organizado pola Concellaría de Cultura en colaboración coa Central Folque, acolle este sábado un novo concerto a cargo da agrupación Puntada sen fío que presenta o seu primeiro disco "A lúa prendeu a luz". O concerto celebrarase no auditorio da Xunqueira o sábado 14 de maio, ás 21.00 h, con entradas a 5 € (2 € para persoas desempregadas e até 25 anos, e de balde ata os 10 anos).


Este grupo naceu en 2015 en Compostela, e está formado por Xiana Lastra (voz), Juan Collazo (percusión) e Roberto Rama (saxo soprano). Estes tres músicos, que pasaron con anterioridade por diferentes formacións musicais, como o grupo de percusión Odaiko, Fía na Roca ou Os dAbaixo, decidiron montar un espectáculo en pequeno formato para chegar facilmente ao público, baseando o seu repertorio na música tradicional e de autor do noso país, cunha sonoridade orixinal, creada en gran medida polos instrumentos que empregan sobre o escenario.


O seu primeiro traballo "A lúa prendeu a luz", editado en 2015, está formado por nove temas de moi diferentes estilos, desde temas que parten do tradicional a outras composicións propias, de autores da nosa terra ou traducións de cantigas escritas orixinariamente noutras linguas.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: