www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 26 de Maio de 2018

Marcos Montes: "O mérito deste éxito é dos xogadores e da directiva do C.D. Choco"
Deporte • 10/05/2016
Autor: Ana Prieto

O adestrador do equipo redondelán, que vén de acadar a fase de ascenso a Segunda B, réstalle importancia ao papel do equipo técnico. Montes eloxia a calidade dos xogadores e o bo traballo da directiva. E advirte que hai que seguir traballando esta semana para traer unha vitoria no campo do Silva, xa que aínda está en xogo a terceira praza.


O domingo foi un día de celebracións por todo o alto no club choqueiro. A vitoria ante do Rápido de Bouzas en Santa Mariña garante a súa participación por segundo ano consecutivo no "play off" de ascenso. Unha celebración que, cousas do azar, volveu coincidir tamén coa Festa do Choco, unha exaltación gastronómica que volveu ter ao equipo de fútbol como protagonista. Un día "moi especial" para Marcos Montes, que salienta "a dificultade" de ter repetido esta fazaña. Montes, que adestraba ao Choco por vez primeira esta temporada ao substituír ao seu irmán Jacobo, réstalle méritos ao cadro técnico no logro deste éxito. Sinala que os adestradores poñen "o seu gran de area", pero sinala aos xogadores e á directiva do club como os grandes artífices de ter acadado o obxectivo. Fala da "grande calidade" do equipo e do "bo traballo" da dirección. A situación do C.D. Choco é espléndida, pero Montes advirte que "hai que seguir traballando". O domingo despiden a liga no campo do Silva, e lembra que teñen que saír "a gañar". Aínda está en xogo a terceira praza de liga, que agora ocupa o Deportivo B, un punto por riba dos redondeláns. Para ter opcións deben gañar o partido e agardar un tropezo dos coruñeses, que xogan en As Pontes. Montes non reservará nada para o partido ante o Silva S.D., mentres os anfitrións xa non se xogan nada ao ter acadado a permanencia a pasada xornada. O partido xogarase no campo da Grela o domingo ás 18.00 horas. Pero non será a última cita do Choco antes da fase de ascenso, xa que tamén pelexan pola Copa Deputación.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: