www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 25 de Maio de 2018

Os títeres tamén celebran o Día da letras galegas
Cultura • 9/05/2016
Autor: M. X. Queimaliños

Redondela será na vindeira semana a capital dos monicreques coa celebración da XVII edición do Festival Internacional de Títeres Memorial Juando Amoedo. Unha cita que arrancará na noite do luns cun concerto a cargo de Tatán e que se prolongará ata o domingo 22. Sete días de intensa actividade coa presenza de 27 compañías que ofrecerán un total de 82 representacións.  Os franceses Le Pendue Cie ou os portugueses de Lafontana son algúns dos espectáculos a non perder nesta edición na que se reivindicará a liberdade de expresión cun apoio expreso a compañía Títeres desde abajo.


O titiriteiro, actor e músico Eduardo Rodríguez Cunha Tatán será o encargado de dar o pistoletazo de saída o luns 16 cun concerto na casa da Torre ás 23:00 horas no que presentará o seu primeiro traballo "Chapeu". Xa a partir do martes os monicreques invadirán as rúas e prazas da vila aproveitando o festivo das letras galegas con actividades e espectáculos a partir das doce do mediodía e a programación de sala que arrancará tamén nesa xornada no Multiúsos as 17:00 horas con Luppo de Baobab teatro e a actuación de Cinema Sticado coa obra "Mirlo & Rula" ás 21:00 horas.


Unha intensa programación que encherá de monicreques, de festa e de música as rúas e prazas da vila coas actividades programadas no XVII Festival Internacional de Títeres de Redondela (Memorial Juanjo Amoedo) no que se inclúen un total de 27 compañías procedentes de Holanda, República Checa, Francia, Dinamarca e Portugal, ás que hai que engadir compañías de Cataluña, Aragón, Cantabria e Canarias. E como non, tamén grupos galegos que amosarán o bo facer dos titiriteiros da terra.


Será na fin de semana dos días 21 e 22 cando o festival viva as súas xornadas máis intensas con espectáculos paralelos practicamente de xeito ininterrompido e tamén propostas participativas como o percorrido "A fonte do Mouro, Bebedoiro das bestas" que terá lugar o último día do festival e ao que están chamados grandes e pequenos.


Unha programación de rúa completamente de balde mentres que os espectáculos de sala teñen un prezo de 6 euros público adulto, 4 euros os nenos.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: