www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 19 de Xullo de 2018

Chapela contra Gondomar no fútbol sala
Deporte • 3/05/2016
Autor: Ana Prieto

Esta fin de semana os dous equipos de Chapela se enfrontan a combinados de Gondomar. O Campito, que está a un punto de facerse co título de liga, xogará o domingo ante o Abetos Gondomar. O Arealonga xogará o mesmo día en Redondela ante o Cereixa, único equipo con opcións matemáticas de arrebatarlle o campionato aos de Fran Amoedo.


O Arealonga, que ocupa a 7ª praza do grupo, xa ten acadado o seu obxectivo, e pouco pode variar a súa posición na liga nas dúas xornadas que restan. O presidente e xogador, Iván Vázquez, recoñece que a motivación do Cereixa será maior que a deles, xa que non só aspiran aínda ao título, senón tamén a ocupar a segunda praza que permite xogar a Copa Xunta. Con todo, advirte que os de Chapela tamén queren acadar un bo resultado no que será o seu último partido ante a súa afección. O rival é un dos máis duros da competición, pero o Arealonga sairá a gañar "coma sempre". O partido xogarase no pavillón de Redondela o domingo ás 12.30. Vázquez Figueroa sinala que, sexa cal for o resultado, será "moi difícil" que ao Campito se lle escape o título, e confía nunha vitoria dos de Fran Amoedo en Donas, onde tamén xogan o domingo, ás 13.00 horas. Vázquez Figueroa explica que o seu club aproveitará a Festa do Choco para que xogadores e afecciones celebren os bos resultados desta campaña cun xantar de confraternidade. Recoñece que cos bos resultados da primeira volta aspiraban "a algo máis", pero as lesións da segunda parte da liga puxéronlle as cousas "costa arriba", polo que se dan por satisfeitos. O Redondela F.S. , que mantén a 9ª praza, xogará ante o Leis Marcón no pavillón municipal Monte Carrasco ás 12.30 horas.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: