www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 25 de Setembro de 2018

Alvarez Ballesteros "A praga de vespa asiática irá en aumento nos vindeiros meses"
Sociedade • 3/05/2016
Autor: M. X. Queimaliños

A concellería de Medio ambiente organiza hoxe unha charla informativa na que se asesorará a todos os asistentes sobre as actuacións a levar a cabo para a identificación e o control das pragas de vespa asiática (vespa velutina) e o picudo vermello. O coloquio terá lugar hoxe martes ás 20:00 horas no Multiúsos da Xunqueira e estará impartido por persoal especializado no control de pragas. O edil de medio ambiente lembra que existe un teléfono directo no que informar da existencia dun niño de vespa asiática, o 012, no que se centralizan todas as chamadas que logo son atendidas polos técnicos da empresa especializada en retirar estes niños.


De confirmarse que se trata dunha colonia de vespa velutina, será o persoal de Tragsa o que se encargará da retirada, moitas veces complexa porque poden atoparse a unha altura de ata 30 ou 40 metros ou en zonas de difícil acceso. De cómo diferenciar as vespas asiáticas doutras especies autóctonas e de cómo recoñecer os seus niños falarase na xornada de hoxe. Tamén se achegarán datos sobre o perigo que supón para as persoas e darase resposta a todas as dúbidas que formule o público asistente.


Na charla abordarase tamén a situación das palmeiras afectadas polo picudo vermello, unha praga que afecta fundamentalmente a palmeiras do xénero Phoenix, especialmente a palmeira canaria e datilera. É fundamental a colaboración veciñal eliminando as palmeiras afectadas sen posibilidade de recuperación para evitar a súa propagación. Falarase polo tanto nesta charla dos síntomas que presentas as palmeiras atacadas polo picudo e que facer cando detectamos unha palmeira enferma.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: