www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 25 de Xuño de 2018

Medio Ambiente insta ao refuxio de animais Noé a desaloxar a casa dos mestres
Política • 2/05/2016
Autor: M. X. Queimaliños

O responsable da Concellería, Miguel Angel Alvarez Ballesteros, explica que o local, que lles fora sido cedido temporalmente polo colectivo republicano para gardar o alimento e outro material dedicado ao coidado dos animais, acabou albergando aos propios cans e gatos. Isto provocou numerosas queixas dalgúns veciños do lugar e incluso a intervención do Seprona, quen xa se dirixiu ao concello instando ao goberno local a que controlase a actividade que alí se desenvolve. Ante esta problemática asegura o edil que a única alternativa é "intentar buscar un lugar axeitado para os animais que estaban ao coidado da asociación e desaloxar esas instalacións".


O aviso de desaloxo era recibido con críticas a través das redes sociais por parte dos membros da Asociación Regufio Noé quen entenden que non se está valorando o traballo de atención e coidado que realizan con animais abandonados, nalgúns casos feridos, así como o propio control das colonias de gatos ao traballar na súa esterilización.


Lonxe de avivar polémicas o concelleiro de medio ambiente explica que a orde de desaloxo responde a que é o propio Seprona quen fai un chamamento ao concello "xa que os animais teñen que estar en lugares axeitados, e a casa dos mestres cedida a esta asociación polo colectivo republicano non reúne as condicións hixiénicas e de salubridade que estipula a lei para este tipo de refuxios". Engade o edil que tamén houbo denuncias dos veciños da zona e que, ante esta situación, o único que poden facer dende o concello e colaborar para o realoxamento dos animais que estaban nesa vivenda e instar á asociación a que cese na súa actividade.


O edil de Medio ambiente asegura que dende o Concello se está traballando para buscar un lugar no que esta asociación poida seguir coa súa labor de axuda e defensa dos animais. Neste sentido apunta que se falou coa comunidade de montes de Reboreda para lograr a cesión dunha parcela, pero que por diferentes motivos non se puido chegar a un acordo. Agora está na procura dun novo espazo que poida reunir as condiciones que se precisan para realizar esta labor.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: