Radio Redondela 94.9FM
www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 19 de Agosto de 2018

A repetición electoral molesta aos redondeláns, que se manifestan "fartos" da "burla" dos políticos
Sociedade • 29/04/2016
Autor: Ana Prieto

Foron catro meses de negociacións, acordos e desencontros, anuncios de pactos e rupturas, de grandes palabras pero poucos resultados. E agora os cidadáns deberán volver votar o 26 de xuño, co conseguinte gasto para as arcas públicas e sen garantías de que o resultado electoral sexa diferente. Unha situación que ten "cansados" aos redondeláns, que esixen reducir os gastos na campaña.


A incapacidade para o acordo pechou a lexislatura máis breve da democracia. Primeiro gran fracaso histórico dos grupos políticos que pon en marcha un novo proceso electoral que rematará coa repetición das eleccións o 26 de xuño. Unha situación que ten "molestos e cansos" aos cidadáns, tamén aos de Redondela. Para Maribel non foi ningunha sorpresa que non se tivera chegado a un acordo, xa que para ela era "previsible". Con todo, amósase molesta por unha repetición electoral que vai custar "máis cartos" e que, ao seu entender, vai deixar un panorama político moi semellante ao actual. Para Javi é unha "burla" que os partidos políticos non cheguen a acordos para formar goberno cando a situación pola que atravesan millóns de persoas é "moi grave". Para Mari Carmen a falta de acordo está motivada polas "ansias de poder" de todos os partidos políticos, polo que "ninguén quere ceder o goberno a outro". Ante esta situación os veciños coinciden en que a participación nas eleccións do 26 de xuño será menor que a do pasado mes de decembro. Unha maior abstención que Iván xustifica pola sensación que ten a cidadanía de que os políticos "lle toman o pelo". Cristina maniféstase"aburrida" logo de catro meses de roldas de prensa e pactos frustrados. Para esta veciña de Chapela é un feito que a abstención vai aumentar, sobre todo entre os máis novos. A sensación de malestar é xeneralizada entre a poboación, non só polo tempo perdido, senón tamén polo gasto que vai supoñer ás arcas públicas a nova cita electoral: 136 millóns de euros. Iso foi polo menos o que se gastou nos anteriores comicios, os do 20-D. O gasto máis elevado é o dos envíos de Correos (49 millóns), o escrutinio custa 17 millóns, 11 millóns máis para as persoas que compoñen as mesas electorais, as papeletas e sobres suman 7 millóns, e a montaxe de cabinas e urnas custa máis de 2 millóns. E xa hai quen propón que ese montante lle sexa descontado aos parlamentarios do seu salario. Javier entende que son os políticos os "culpables" da repetición electoral, polo que deben ser eles os que asuman o gasto. Pero os deputados non só non pagarán polo custe dos comicios, senón que seguirán percibindo a súa retribución íntegra até o día das próximas eleccións, o 26 de xuño, malia que as Cortes se disolven o 3 de maio.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: