www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 16 de Outubro de 2018

Redondela solicita á Xunta que se destine unha partida para o patio cuberto de Santa Mariña
Política • 29/04/2016
Autor: M. X. Queimaliños

O centro educativo, malia ser un dos máis grandes do concello con máis de 400 alumnos nas súas aulas, seguen sen contar cun espazo que garanta ao alumnado un lugar axeitado no que realizar diferentes actividades cando chove. Mentres a oposición acusa aos populares de non seren quen de xestionar esta demanda ante a Xunta, a responsable de ensino, Teresa París asegura que se trata dun problema de espazo "xa que o existente non permitiría construír un patio cuberto en condicións". Con todo, si apoiaron a proposta do PSOE de esixir á Xunta para que entre os 120 millóns anunciados por Feijoo para a mellora dos centros educativos se inclúa tamén este patio cuberto.


Manifestacións, recollida de sinaturas e incluso concentracións ante a delegación da Xunta en Santiago protagonizadas pola Asociación de Pais e Nais do Santa Mariña non foron suficientes para lograr o seu obxectivo, que se construíra no colexio un patio cuberto que permitise aos máis de 400 alumnos que estudan neste centro realizar actividades deportiva ou saír ao recreo cando chove. Unha obra que rolda os 200.000 euros segundo as estimacións feitas xa no ano 2011, pero que a Consellería nunca considerou prioritaria.


Unha demanda que regresaba onte ao pleno do concello logo de que o PSOE presentase unha moción atendendo ao compromiso do presidente da xunta de investir nos vindeiros anos ata 120 millóns de euros na mellora dos centros educativos. "Entendemos que dende o concello se lle debe esixir ao goberno galego que inclúa este investimento nesa partida e é deber do goberno local xestionar esas e outras reivindicacións dos centros de Redondela" explicaba o socialista Eduardo Reguera.


O edil nacionalista Xoán Carlos González afeaba ao goberno popular da Xunta que se negase reiteradamente a facer esta obra cando é unha mellora nas infraestruturas que redundaría na mellora da calidade educativa.


AER lembraba tamén na súa intervención que o PP xa antes de chegar á alcaldía "aseguraba ter o compromiso de que ese patio cuberto se ía construír".


A concelleira responsable de ensino, Teresa París, amosábase sorprendida de que este tema chegase novamente ao pleno "cando a ANPA e a comunidade educativa do Santa Mariña son coñecedores de que non se pode facer un patio cuberto en condicións porque o espazo existente non dá as medidas necesarias para facelo".


Con todo, a moción foi aprobada por unanimidade e o tema retomarase novamente no Consello Escolar Municipal.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: