www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 21 de Outubro de 2018

As vías seguras para o paso de refuxiados serían unha realidade de haber vontade política
Sociedade • 28/04/2016
Autor: M. X. Queimaliños

A voceira da plataforma Mare Mortum, Beatriu Guarro, anima a cidadanía a colaborar con todas aquelas iniciativas encamiñadas a forzar aos estados europeos a modificar as súas políticas de asilo que a día de hoxe están a saltarse a legalidade. Insiste en que iniciativas orientadas a recoller material con destino aos campos de refuxiados non son recomendables "xa que trasladar ese material ten un elevadísimo custe e as veces non é o que se necesita". Os que queiran colaborar mellor facelo a través das ONGs que traballan no terreo, rescatando ou atendendo ás persoas que chegan á fronteira. Desaconsella canalizar esas doazóns económicas a través de ACNUR.


A voceira da Plataforma Stop Mare Mortum convidada polo Grupo redondelán de apoio ás persoas refuxiadas participou onte en Redondela dunha charla debate na que puxo sobre a mesa a necesidade de se mobilizar ante as políticas ilegais que os estados europeos están a desenvolver ante a crise do refuxiados. Neste sentido destacou o sistema de cotas que atendendo ao dereito internacional é completamente ilegal "ao ser o dereito de asilo un dereito individual que se lle debe fornecer a todas aquelas persoas que foxen do seu país entre outros motivos polas guerras".


Guarro explicou o traballo que desenvolven dende Barcelona centrado basicamente en intentar que se creen vías seguras de tránsito para todos os que chegan á fronteira europea e queren dirixirse a calquera país da Unión. Outra das súas loitas céntrase en que as persoas que se ven brigadas a abandonar o seu territorio poidan xestionar a petición de asilo xa dende o consulado do país ao que queiran dirixirse "evitando así ese tráfico de persoas onde se están xogando a vida".


A voceira de Mare Mortum explica que as campañas de recollida de material que con moi boa vontade se fan dende asociacións e colectivos non son operativas "polo elevadísimo custe que supón trasladar ese material, uns 4.000 euros por contedor, ademais de que se leva material que en moitos casos non é o axeitado". Por ese motivo anima aos que queira colaborar a doar eses cartos a algunhas das ONGs que traballan cos refuxiados. Anima a cidadanía a facer doazóns en efectivo, a colaborar coas organizacións e a dar o seu apoio a campañas informativas e de presión política, pero tamén desaconsella colaborar con algunhas organizacións que non están a desenvolver a súa labor como deberían. Falaba en concreto de Acnur.


Lembraba Beatriu Guarro na súa charla a experiencia "dura o tempo que emotiva" que se está a vivir en lugares como Lesbos, illa grega que está a padecer unha enorme presión de refuxiados con centos de persoas chegando cada día "dende o inicio da guerra de Siria hai xa cinco anos". Situacións límite que dan conta tamén que, malia todo o que se está a facer mal a nivel político, hai unha resposta positiva por parte da poboación civil.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: