Radio Redondela 94.9FM
www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 17 de Agosto de 2018

Chapela solicita que se amplíe o dique de Arealonga para mellorar a rexeneración da praia
Sociedade • 27/04/2016
Autor: M. X. Queimaliños

A asociación de veciños entende que o dique construído hai un ano permitiu recuperar parte da area perdida, motivo polo que reclaman ao Concello, Xunta e Autoridade Portuaria que se amplíe a actuación nas canles dos ríos Maceiras e Pugariño para recuperar totalmente " a rea que perdeu esta praia polas agresivas actuacións que dende hai anos se fixeron na zona".


A presidenta da asociación de veciños Anxeles Méndez lembra que o recheo e construción dun muro nun tramo da praia no ano 2007 provocou a perda da area na praia de Chapela "que en pouco tempo chegou perder máis de 10 metros de altura convertendo Arealonga nun pedregal, quedando ao descuberto pedras e restos de obras achegadas ata a praia polo arrastre dos ríos situados nas marxes da praia".


Unha situación que mellorou coa construción o pasado ano dun dique que "tan só un ano despois deixa ver resultados positivos como xa prognosticaban os mariñeiros da zona, que apuntaba a esta actuación como única solución para que a praia deixara de perder area".


Con todo, dende a asociación de veciños entenden que a situación do areal pode aínda mellorar no caso de que se realicen diques semellantes nos seus extremos, é dicir, ampliando con dous diques nos muros de canalización dos ríos Maceiras e Pugariño que desembocan na zona".


O colectivo veciñal presentou xa esta demanda á Alcaldía de Redondela, á Autoridade Portuaria de Vigo e á Xunta.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: