www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 17 de Decembro de 2018

O Castro Chapela busca certificar a fase de ascenso no derbi ante a SAR Plastic Omnium
Deporte • 26/04/2016
Autor: Ana Prieto

Os de Fran Teixeira despediranse da súa afección este sábado cun emocionante derbi ante a SAR na penúltima xornada de liga. De gañar estarían matematicamente clasificados para o sector, antes de que disputen o último partido de liga na Coruña ante o OAR.


Recta final dunha liga intensa na Primeira Nacional da que só restan dous partidos. O Construcións Castro Chapela, que lidera a clasificación xunto co Xiria, está a tan só dous puntos de garantir a súa clasificación para a a fase de ascenso. Os seus inmediatos perseguidores, Novás e Lalín, están a 3 e 4 puntos de distancia, respectivamente. Fran Teixeira, o adestrador, recoñece que foi unha competición "dura", sobre todo porque dispón dun cadro de xogadores "moi xusto". Amósase moi satisfeito co rendemento de todos, e agora están "a un paso" de acadar o obxectivo e depender só de si mesmos. Os caprichos do calendario fan que ese pase se poida certificar no derbi que este sábado disputan en Chapela ante a SAR Plastic Omnium, no que será o último partido de liga ante o seu público. Texeira advirte que a posición clasificatoria dos de Carlos Rey, na metade baixa da táboa, non é significativa, e que o equipo redondelán irá a Chapela a dar a batalla. Con todo, sinala que a motivación dos seus xogadores "non pode ser maior" dado o obxectivo que poden acadar. O último partido de liga serán na Coruña, ante o OAR, un encontro que non será fácil para os redondeláns no caso de que cheguen coa clasificación aínda en xogo. O equipo de Teixeira ten por diante dúas finais que debe asumir con garantías, pero tamén "dosificando" aos seus xogadores. Porque de clasificarse para a fase de ascenso deberán disputar o sector no prazo dun mes, os días 5, 6 e 7 de maio. O derbi deste sábado entre Chapela e SAR será ás 18.30 horas, e prevese unha afluencia masiva de público.


 


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: