www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 22 de Outubro de 2018

Remata o prazo para se inscribir nos Maios
Cultura • 26/04/2016
Autor: M. X. Queimaliños

A data límite para poder participar na festa que se celebra este domingo a partir das 11:00 horas é este xoves día 28 de abril ás 20:00 horas. Cada agrupación recibirá por participar 80 euros e o xurado outorgará tres premios nas categorías de maio tradicional e maio artístico, mellores coplas e mellor interpretación, dotadas cunha contía económica de 100, 150 e 200 euros.


As agrupacións que se presenten deberán gardar unha unidade temática tanto no seu vestiario coma na súa actuación. No apartado de maio tradicional incluiranse tan só os construídos con forma cónica empregando materiais vexetais, especialmente fiúncho, pampullo, peonias, laranxas e flores diversas, mentres que na categoría de maio artístico si terán cabida o resto das formas. O único material non vexetal permitido para a decoración dos maios nas dúas categorías é a casca de ovo.


En canto ás coplas deberán estar escritas en normativa oficial e será imprescindible que cada maio conte como mínimo con catorce coplas das que seis serán interpretadas diante do xurado


Coa vontade de promover a corresponsabilidade e tal e como se ven facendo nos últimos anos, os participantes poderán votar aos outros maios nas categorías de Maio tradicional e Artístico. Así, cada concursante  poderá votar a todos os maios exceptuando ao propio e tendo en conta os criterios fixados para cada categoría.  Este voto colectivo será contabilizado como un membro máis do xurado.


A celebración dos Maios terá lugar o domingo día 1 a partir das 11:00 horas cando todos os participantes deberán colocarse no lugar asignado e actuar diante do xurado interpretando seis das coplas presentadas.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: