www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 25 de Maio de 2018

Os sindicatos critican a "utilización partidaria" dende a alcaldía da institución municipal
Política • 25/04/2016
Autor: M. X. Queimaliños

A representación sindical de UGT e CIG do Concello de Redondela denuncia "a utilización partidista e arbitraria" que ao seu entender vén facendo a Alcaldía "da institución municipal para menoscabar os dereitos do persoal por un lado e deteriorar o servizo á cidadanía por outro". Anuncian a súa decisión de non asistir ás mesas de negociación "por non ser unha ferramenta válida para defender os dereitos dos traballadores".


Explican os sindicatos que "a actitude da alcaldía co persoal, ben directamente ou a través dos seus representantes, tórnase cada vez máis difícil xa que na vez de negociar cos sindicatos "convocan á representación sindical para expoñerlle as súas decisións mais sen entrar en ningún tipo de negociación".


Engaden que en cada xuntanza malia "presentar os sindicatos diversas e diferentes propostas razoadas e documentadas en cada unha das reunións sen ter unha resposta concreta, nin verbal nin escrita". Ademais acumúlanse actas abertas en diferentes mesas de negociación que non foron sometidas a aprobación nin ás alegacións que puideran corresponder, e os procesos aos que aludían seguiron a súa tramitación sen contar coa representación sindical.


Apuntan tanto UGT como CIG que "cada vez se fai máis patente que a opción é privatizar o traballo que desenvolve o persoal municipal, externalizando a carga de traballo". Aseguran que esta tendencia é especialmente patente nos servizos externos


(vías e obras, parques e xardíns, limpeza viaria, policía local e SEIS), onde a mingua de persoal e a falta de vontade para mudar esta situación, está levando a prestar cada vez un servizo máis deficiente á cidadanía e, ao mesmo tempo, pon en risco a seguridade de quen realiza o traballo.


Anuncian os sindicatos que ante esta situación "entendemos que a nosa presenza nas mesas de negociación non é unha ferramenta nin un instrumento válido para a defensa das traballadores, xa que non hai acordos senón que só saen adiante as decisións que toma unilateralmente o alcalde polo que emprenderemos as accións sindicais necesarias que nos permitan desbloquear esta situación de utilización parcial e arbitraria da institución municipal".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: